Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 14:57
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Noa Díaz, presentou unha batería de iniciativas nas que se lle esixe á Consellería de Educación que cumpra coa normativa galega en materia de Igualdade, que obriga a deixar de perpetuar estereotipos sexistas na posta en marcha de novos ciclos de Formación Profesional (FP).
Tal como informa o PSdeG nun comunicado, Díaz presentou estas iniciativas despois de coñecer o informe da Consellería que xustifica a oferta de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais no IES de Valga, onde sinala que o ciclo "pretende aumentar a oferta incorporando ensinos que atraian a presenza de alumnado feminino e favorezan a continuidade no sistema educativo das mulleres".
Para ela, Educación rompe así cos "principios mínimos de respecto pola igualdade entre homes e mulleres", e perpetúa "estereotipos máis propios de tempos pasados". Neste sentido, lamentou que pretendan "atraer a presenza de alumnado feminino" a través dun ciclo sobre arranxos florais "no canto de desenvolver accións que promovan a participación das mulleres nos ciclos que se ofrecen nese IES", como Fabricación e Montaxe, Soldadura e Calderería e Construcións Metálicas.
Tamén lembrou que a normativa autonómica en materia de igualdade busca o "desterro de calquera actitude que transmita o estereotipo de papeis entre homes e mulleres", ademais de fomentar vocacións femininas en áreas nas que as mulleres están infrarrepresentadas e viceversa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.