Seca en Galicia: cortes de auga en Paderne e Porqueira e chamada a reducir o consumo na Louriña

As altas temperaturas e a escaseza ou ausencia de choivas desde hai semanas xa emepzan a ter consecuencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

As altas temperaturas e a escaseza ou ausencia de choivas desde hai semanas xa empezaron a ter consecuencias nos concellos galegos, con chamadas a moderar o consumo de auga e mesmo restricións. Así, o Consorcio de Augas do Louro, a entidade que xestiona o ciclo de auga para os concellos pontevedreses do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas, activou o seu plan de emerxencia por seca e o estado de prealerta.

Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo
Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo | Fonte: Gonzalo Blanco.

O organismo contactou cos concellos consorciados, así como con outros concellos que reciben servizos do Consorcio (Tomiño, O Rosal e A Guarda), para que adopten medidas de redución do consumo.

Así, fíxose un chamamento tanto ás entidades públicas como aos cidadáns para restrinxir regas, evitar o lavado innecesario de coches, limitar o enchido de piscinas ou reutilizar auga, para anticiparse "a un posible episodio futuro de escaseza".

Todo iso en consonancia coas recomendacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e de Augas de Galicia, que mantén a declaración de situación de seca prolongada en toda a demarcación Galicia-Costa.

CORTES NA SUBMINISTRACIÓN

Por outra banda, no concello coruñés de Paderne a situación obrigou a medidas máis drásticas e o alcalde, César Longo, emitiu un bando no que expón que, "debido á seca, ás altas temperaturas e a un excesivo consumo" de auga da traída municipal "fóra do uso doméstico", realizaranse restricións.

Así, desde este xoves ás 13,00 horas córtase a subministración de auga, ata o venres 15 de xullo ás 21,00 horas.

Estes non son os únicos concellos con problemas. Así, nunha aldea do concello ourensán de Porqueira, en San Mamede (un núcleo de menos de 40 habitantes), están a levarse a cabo cortes na subministración, que xestiona unha comunidade de augas.

Algúns destes veciños denunciaron que esta situación é resultado non só das altas temperaturas e a seca, senón dun "problema de xestión", xa que se trata dun servizo "externalizado" mediante unha asociación. Así mesmo, criticaron que non hai mantemento da rede de abastecemento nin se actuou sobre a contaminación dos mananciais.

A alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, explicou que, aínda que o Concello non xestiona directamente o abastecemento nesta aldea, está en contacto cos seus veciños para levarlles cisternas de auga. Ademais, en próximos días farase un pozo de barrena con axuda da Deputación de Ourense.

Con todo, apuntou que a subministración de auga abriuse na mañá deste xoves e "por agora", non está a haber problemas, así que é probable que non se corte o abastecemento ata o anoitecer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta