Cada día sabemos algo máis do tempo

O investigador en cambio climático Juan Antonio Añel Cabanelas salienta que grazas ao mellor coñecemento da estratosfera cada día é máis fiable a predición meteorolóxica, algo crucial para a agricultura ou o turismo.

Por GCAgro | Ourense | 25/08/2014 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Juan Antonio Añel Cabanelas é un investigador ourensán que traballa na Universidade de Oxford en investigación climática e valoración de riscos para políticas de adaptación. Tamén é o coordinador científico de Climateprediction.net e traballa no proxecto ExCirEs da Universidade de Vigo.

Juan Antonio Añel, experto en cambio climático
Juan Antonio Añel, experto en cambio climático | Fonte: GC

Ourense, agosto de 2014. No momento de escribir este artigo temos unha temperatura de 18 graos Celsius o mediodía. Seguro que nas túas conversas no ascensor, tenda, perruquería, bar, etc. tes falado ou escoitado falar nestas últimas semanas que está vindo un verán moi «frouxo» en Galicia, que non chega a calor, que os tomates están verdes por tódolos lados e non rematan de madurar. Fai un par de fins de semana choveu, agosto está avanzado e non parece que a meteoroloxía vaia a cambiar. Interesantes conversas. A meteoroloxía, o tempo que desfrutamos e padecemos sempre o é.

Sen dúbida dende sectores coma o do turismo e o agro xa lles gustaría saber moito mellor como vai a ser o tempo, xa non para a seguinte semana, senón tamén para o vindeiro mes. Nembargantes temos un problema, certa incapacidade para ter prediccións a longo prazo. Esta incapacidade ten que ver con limitacións da fisica e matemática ca que describimos o noso planeta nos modelos meteorolóxicos e co feito de que o coñecemento que temos do noso planeta segue a ser moi escaso en moitas cousas.

Xente moi capaz e experimentada traballa tódolos días para avanzar e pouco a pouco descifrar como funciona a Terra. E abofé que o logran. Entre os avances máis recentes e significativos está a mellora no que se coñece coma predecibilidade estacional, nomeadamente para o noso inverno.

¿Qué significa isto?. Pois máis ou menos significa que tras moito traballo a equipa que se dedica a este tipo de tarefa na oficina meteorolóxica do Reino Unido logrou que o modelo de predicción meteorolóxica que usan empece a dar resultados moito máis fiables con varias semanas de anticipación. A principal causa da mellora semella ser que agora coñecemos moito máis da estratosfera, a zona do noso planeta que vai dos 20 km os 50 km de alto (ou sexa, que comenza 12 km por riba do cume do monte Everest).

Todo isto no fondo é posible gracias a unha combinación nada novidosa: traballo e cartos. Entre outras cousas cartos para pagar o soldo da xente que fai a investigación, para ordenadores para tentar as posibles solucións, para satélites que nos permiten observar a Terra, para incluir nos modelos de predicción características importantes que antes non se incluían por razóns tan sinxelas como non ter os cartos para pagar o soldo de alguén que o fixera, etc.

Se cadra dende o punto de vista da evolución da investigación en meteoroloxía e climatoloxía isto tería sido posible fai cinco anos, sempre e cando se tiveran adicado os cartos necesarios. Non procuren unha razón para tal estimación, é simplemente un número ao chou basado na miña experiencia persoal. Neses cinco anos poderíanse ter previsto se o inverno ía ser moi frío ou máis morno, programar mellor a demanda de enerxía para a calefacción e con sorte ter uns prezos de luz e gas máis baratos.

Dicía Benjamin Franklin que se quere saber o valor dos cartos, trate de pedilos prestados. Os investigadores somos especialistas nelo. Pasamos unha boa parte do noso tempo pedindo prestados cartos para devolvelos a toda a sociedade na forma de avances no coñecemento, que cada certo tempo marcan unha gran diferenza na vida de todos nos. Unha boa predicción meteorolóxica ou climatolóxica aforra cartos, mellora as condicións de vida da xente e pode salvar vidas. Vimos de comprobar que como moitos outros tipos de investigación é un gran xeito de sementar cartos para obter un mellor froito. E inda así non debemos caer na tentación de tentar medir aquilo que contribue o benestar de toda a sociedade en términos monetarios, entre outras cousas porque é imposible.

Mapa do tempo
Mapa do tempo | Fonte: Gc
Un dos técnicos de Meteogalicia presentando O Tempo
Un dos técnicos de Meteogalicia presentando O Tempo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta