A calor e a suba de prezos... como as altas temperaturas baixan o rendemento agroalimentario

A seca prolongada fixo subir os custos de produción no sector agrogandeiro e a consecuencia séntena os petos dos e das consumidoras. As temperaturas da actual vaga de calor disparou os prezos de insumos agrario. A situación actual dependerá do comportamento climático e da durabilidade da seca e a vaga de calor.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O estrés hídrico consecuencia da seca e as altas temperaturas está deixando a súa pegada en cultivos e, por extensión, na súa rendibilidade. As plantas non producirán como se espera e os beneficios para as explotacións agrarias diminuirán cara un outono-inverno que está previsto, sexa difícil. Os prados destinados a herba seca para o inverno non cubrirán as necesidades do sector gandeiro, obrigado á compra de composto e outros produtos substitutivos da forraxe.

Arquivo - Sección de froitas e verduras nun supermercado de Madrid.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Sección de froitas e verduras nun supermercado de Madrid.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo


A CALOR INFLÚE NOS PREZOS E NO PRODUTO?

“As temperaturas moi elevadas obrigan a ter en funcionamento sistemas de ventilación e nebulizadores en explotacións intensivas como son as leiteiras” apunta Óscar Pose de Unións Agrarias (UU.AA). A vaga de calor inflúe tamén na cantidade de leite producido en tanto que a alimentación do gando vai depender máis do concentrado (penso). “O prezo do concentrado elevouse un 30% cando a alimentación do gando é o 70% do gasto nunha explotación gandeira”.

E tampouco o concentrado é un investimento seguro. “A situación de seca tamén afecta aos cultivos como o millo porque pode mermar a cantidade que se produza” apunta Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG). Millo, cebada, centeo, trigo, etc., son cereais básicos para a produción de pensos e que están afectados pola seca e o contexto xeopolítico actual. Este último referido ao bloqueo de gran nos portos ucraínos debido á guerra ruso-ucraína. “Hai unha redución da dispoñibilidade de cereal e forraxe e isto está preocupando moito”.

A preocupación aumenta cando os prezos pagados en orixe a produtores non permiten afrontar os gastos diarios dunha explotación. Isto trae como consecuencia a existencia das explotacións que traballan e viven aínda con perdas. Como é posible? O endebedamento mediante créditos, as axudas da PAC e outros incentivos que, con todo, non permiten un desenvolvemento agrario acorde coas necesidades dos e das profesionais do campo.

PREZOS FINAIS, XUSTOS?

Collamos outro factor decisivo para a produción agrogandeira, o combustible. As reducións do goberno en 20 céntimos por litro a penas deixou pegada, pois o litro de gasóleo agrario experimentou subas case que “imparables”. Sumando isto á suba da alimentación, mantemento das instalacións e a inseguridade dos mercados, os gandeiros e agricultores non ven unha marxe de beneficio para cubrir gastos e sacar unha renda. Mais, que ocorre co mercado, coas industrias e produtos finais que pagamos?

“A industria é a que máis marxe está sacando disto, por exemplo, o leite enteiro que mercamos non ten todas as propiedades que esperariamos” apunta Óscar Pose. Cal é o motivo? A industria leiteira saca marxes ao extraer proteína e graxa que se destina maiormente a manteiga. Os prezos deste produto case dobraron nos últimos meses pasando de 400€ por quilogramo a 700€ por quilogramo.

Con todo, o 50% das vendas de leite son de semidesnatado repartíndose a outra metade entre o resto de categorías. E aínda que o prezo por litro de leite estea agora sobre uns 42 céntimos, os prezos pagados en orixe aos produtores poden ser considerados moi baixos se se compara co prezo por litro de leite que mercamos. Os incrementos aplicados pola industria seguen aínda sen reverter na produción.

“Os prezos que pagan polo leite ecolóxico estanse poñendo ao mesmo nivel que os do leite convencional, polo tanto desaparece a rendibilidade das explotacións ecolóxicas” destaca Isabel Vilalba. A contradición é clara, “prezos e custes non poden ir cada un polo seu lado” sen unha repercusión clara na produción e no produto final. Outro exemplo é o prezo da carne “que a Consellería de Medio Rural apunta en 6€ por quilogramo hai quen debe vender a 5€ por quilogramo”.

A situación apunta a unha suba de prezos moi  importante nos produtos alimentarios de aquí cara o outono. A cesta da compra non soportará incrementos en alimentos básicos e cuxa produción non renderá como se espera, ese é o gran temor.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta