A Fundación María José Jove, a Asociación Íntegro e a primeira fareira de Galicia, Medallas Emilia Pardo Bazán

A entrega de premios terá lugar o próximo 16 de setembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Fundación María José Jove, a Asociación Íntegro e a primeira fareira de Galicia, Cristina Fernández, serán as galardoadas coas Medallas Emilia Pardo Bazán 2022, na cuarta edición destes premios. Segundo explicou a Xunta, o xurado fallou estes galardóns cos que a administración recoñece o labor de todas elas para "construír unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade".

Programa terapéutico con animais
Programa terapéutico con animais | Fonte: FUNDACIÓN MARÍA JOSÉ JOVE.

A Fundación María José Jove é recoñecida cunha das medallas deste ano para pór en valor o traballo que desenvolve con menores expostos a situacións de violencia de xénero que teñen como un dos eixos principais o desenvolvemento de terapia con cans nas áreas metropolitanas de Betanzos, Curtis e Cambre, na provincia da Coruña. Así mesmo a entidade desenvolve unha experiencia piloto a nivel estatal de acompañamento xudicial asistido con cans desde o ano 2019. Desde ese ano, a través deste programa atendéronse a 85 menores.

No caso da Asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños, foi distinguida polo seu traballo con mulleres con discapacidade en favor da inclusión social e a igualdade. A Xunta destacou que a entidade conta con 30 anos de traxectoria e dispón dun centro de día e outro de carácter ocupacional. Así, o xurado valorou positivamente a integración nos seus programas da perspectiva de xénero de maneira transversal e tamén o establecemento de medidas de conciliación entre o seu persoal, integrado nun 87,5% por mulleres.

Pola súa banda, Cristina Fernández, a primeira fareira de Galicia e segunda España, foi recoñecida pola súa traxectoria profesional. Esta muller leva 48 anos como gardiá do faro de Cabo Vilán, o primeiro que funcionou con luz eléctrica en todo o Estado e que se sitúa nun dos puntos de navegación máis complicados na Costa da Morte. Fernández é fareira desde 1977 tras aprobar en 1972 a primeira oposición na que puideron participar as mulleres.

A entrega de premios terá lugar o próximo 16 de setembro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta