Pontón acusa a Xunta de "porse de perfil" ante a inflación

O BNG critica que o Goberno galego só use o Consello para "conceder medallas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou que a Xunta "se pon de perfil" e non toma medidas ante a inflación. Reproba que o Goberno galego só aproveitase o Consello desta semana, celebrado o día despois de coñecerse que o IPC galego se disparou un 11,1%, para "conceder medallas" e anunciar unha axuda para bicicletas eléctricas que "só pode comprar unha minoría".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co cartel da campaña dos nacionalistas para celebrar o 25 de xullo, Día de Galicia, de 2022
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, co cartel da campaña dos nacionalistas para celebrar o 25 de xullo, Día de Galicia, de 2022 | Fonte: BNG.

Este venres, Pontón visitou a Praza de Abastos de Santiago para "pór o foco nos problemas que cada día teñen a maioría das familias do país", que viven un incremento "exponencial" de prezos, que van do "12% ao 32%" nos alimentos.

"Non é de recibo que a Xunta estea de brazos cruzados", asevera. Reproba que é un goberno "insensible ante os problemas que ten a maioría da cidadanía". De feito, censura que o Executivo galego "está a tomar decisións que van na dirección contraria". Cita exemplos como aprobar hai uns días unha lei para que suporá "subir" a factura da auga, ademais de suprimir a Tarxeta Básica.

Incide en que o Goberno galego está "instalado na política de canto peor, mellor", "canto peor para a maioría dos galegos, mellor para os intereses electorais do PP". "En política non vale todo", avisa Ana Pontón, e di que "esta é a peor política que se podería facer neste momento".

"É impresionante como un goberno como o galego se pon de perfil ante unha crise de prezos que está a afectar máis a Galicia que a media do Estado", insistiu, pois é a "terceira comunidade coa media máis alta" na escalada de prezos.

PROPOSTAS

De tal forma, o Bloque reclama que a Xunta "se poña á fronte" e "tome medidas eficaces". Sostén que é necesario que, "no curto prazo", se axude aos que "peor o están pasando". "Que se poñan a traballar xa, se non, é mellor que deixen paso", afirma.

Entre as propostas da formación nacionalista atópanse que se suba o complemento das pensións non contributivas, que se incremente a contía da Risga e sexa compatible co Ingreso Mínimo Vital, que se poña en marcha un paquete "potente" para axudar a gastos básicos de vivenda, ademais de que se recupere a Tarxeta Básica.

A portavoz nacional do BNG pide "non perder de vista que hai 600.000 persoas en risco de pobreza" en Galicia. Tamén empraza a que as axudas cheguen ao tecido produtivo, de forma que se compense aos sectores produtivos que proporcionan alimentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta