Lume nos espazos naturais galegos: case 1.500 hectáreas queimadas no Courel e no Invernadeiro

O Courel é a zona máis afectada. Hai tres lumes activos en Folgoso do Courel.

Por Galicia Confidencial | Folgoso do Courel | 16/07/2022 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

Un gran lume afecta ao Courel, unha das grandes reservas ecolóxicas de Galicia. En Folgoso do Courel segue decretada a alerta por proximidade a núcleo habitado no incendio rexistrado na parroquia de Seceda, que se iniciou ás 1,40 horas do venres, e que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de 700 hectáreas.

Imaxe de arquivo dun incendio forestal en Folgoso do Courel
Imaxe de arquivo dun incendio forestal en Folgoso do Courel | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Tamén a alerta segue decretada no incendio que, na parroquia de Vilamor, tamén en Folgoso, onde as chamas están preto do núcleo de Carballal. Este incendio empezou ás 20,42 horas deste xoves e mantense en 300 hectáreas queimadas, segundo as estimacións provisionais. Combaten as chamas 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Outro lume, o terceiro de Folgoso, permanece activo en Vilamor. Empezou ás 20,25 horas deste xoves e, segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 250 hectáreas. No seu control traballaron ata o momento 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.

O INVERNADEIRO

Na provincia de Ourense, segue activo desde as 6,57 horas deste venres un lume en Vilariño de Conso, na parroquia de Pradoalbar. Afecta a unhas 95 hectáreas no Parque Natural do Invernadeiro --55 máis que no anterior parte de Medio Rural--. No seu control traballaron ata agora 1 técnico, 3 axentes, 16 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta