Propietarios de pisos turísticos, en pé de guerra: "Non temos a culpa dunha mala política urbanística"

Un grupo de persoas en Santiago denuncia que o Concello está enviando "ordes de peche e multas de 10.000" a propietarios que non teñen a licenza municipal pero si están rexistrados na Xunta.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 22:16

Comparte esta noticia

Un grupo de persoas propietarias de vivendas de uso turístico en Santiago de Compostela denuncia a "persecusión" que, consideran, están a sufrir por parte do Concello de Santiago, que esixe para estes alugueiros turísticos unha licenza urbanística municipal ao considerar esta actividade de carácter económico. Así, critican que o Consistorio outorga "tres días de prazo" para pechar a vivenda ao non cumprir con estes requisitos municipais, aínda que estean dadas de alta no rexistro da Xunta de Galicia. Segundo este grupo de traballo, menos de 30 das 680 rexistradas contan con esta autorización do concello.

Peregrinos a escasos metros da Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo
Peregrinos a escasos metros da Catedral de Santiago de Compostela.. EUROPA PRESS - Arquivo

Alertan de que a supervivencia destes aloxamentos está "en risco" e din atoparse nunha rúa sen saída: "non estamos en contra de que o Concello esixa licenzas, pero parécenos un atropelo que nos pidan pechar en tres días e non teñamos opción de presentar unha petición de licenza porque están paralizadas. Estannos multando sobre unha sentenza xudicial e non cunha lei do concello", denuncia un dos propietarios de vivendas de uso turístico ao que lle chegou unha orde de peche e unha multa de 10.000 euros por estar exercendo durante estes anos sen esa autorización, á que, á súa vez, non ten acceso, di. 

"Paréceme incrible que isto se faga en pleno verán e Ano Santo sen darnos unha moratoria, xa non por min, senón polas 100 familias que estaban pendentes de aloxamento na miña vivenda ata setembro e ás que tiven que deixar colgadas", denuncia este propietario, ao que a clientela comezou a chamar "desconsolada" cando viu que as plataformas para reservas de aloxamento anulaban a vivenda na que tiñan planeado pasar as vacacións: "Dixéronme de todo: 'non me deixes tirado', 'como me fas isto?'... Pero eu non podo xogarme o pelexo a que me chegue outra multa", explica. 

CAMPAÑA DE DENUNCIA

Ante esta situación, varias persoas decidiron xuntarse nun grupo de traballo e comezar unha campaña para "defender o seu dereito a desenvolver este tipo de aluguer" polo que, din, "ingresan á Axencia Tributaria unha media do 37% dos beneficios". Nestas últimas semanas, segundo explican dende o grupo, iniciaron unha recollida de firmas entre o sector da hostalaría --cunha acollida do 90 por cento, sinalan --, turistas e cidadanía xeral. Tamén tiveron reunións cos grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e co propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, ademais de solicitar a intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para poñer fin a unha situación que cualifican de "fustigamento" por parte do Concello. 

Propietarios de vivendas turísticas de Santiago piden ao Valedor que intermedie co Concello
Propietarios de vivendas turísticas de Santiago piden ao Valedor que intermedie co Concello

Este mesmo martes, unhas vinte de persoas propietarias de vivendas de uso turístico recorreron igualmente ao Valedor do Pobo para pedir que intermedie ante o Concello. Esixen que lles deixen manter a súa actividade "con normalidade" e defenden a "necesidade" da existencia deste tipo de aloxamentos na capital, onde a ocupación hoteleira está ao 90%. "O que solicitamos con máis urxencia é que se eliminen as sancións, porque se ben o Concello nos considera actividade económica, Facenda di claramente que non o somos", asegura outro dos propietarios mobilizados no marco desta campaña, que pide "regularizar" as vivendas de uso turístico e poñer o foco sobre quen opera sen licenza da Xunta: "hai que empezar por darlle caña á xente que non está legal, no Obradoiro seguen ofertando pisos ás agachadas e de forma irregular", sentenza. 

CONTROVERSIA EN TORNO AOS PISOS TURÍSTICOS

Segundo os últimos datos do rexistro da Xunta, son 15.390 as vivendas de uso turístico que están operando con licenza autonómica no conxunto de Galicia, unha cifra moi superior á bolsa de pisos en circuíto convencional, que se sitúa nas 3.027 vivendas segundo os datos do sector inmobiliario. Salvo Ferrol e Ourense, no resto de urbes galegas as ofertas de aluguer vacacional superan as de arrendamento para estancias longas de estudantado ou veciñanza. En concreto no caso de Santiago, fronte ás 680 vivendas de uso turístico, o portal Idealista ofrece 290 para aluguer convencional. 

Estas cifras reabren entre diferentes asociacións veciñais e colectivos sociais o debate sobre que modelo de turismo é o máis axeitado para as nosas cidades, e se estas se están construíndo en base ás necesidades de turistas ou da veciñanza. No epicentro desta controversia, as persoas propietarias de vivendas de uso turístico din sentirse "machacadas" e negan unha redución de oferta de pisos ou que a suba do prezo do aluguer teña que ver co incremento exponencial que viven os pisos vacacionais. Detrás deste tipo de argumentos, din, "están multinacionais hoteleiras e inmobiliarias ás que isto lles resulta molesto". 

"Non temos nós a culpa dunha mala política urbanística", fala un dos propietarios. "A cidade vella de Santiago está deshabitada dende hai trinta anos, con casas caendo por vellas, e nós comezamos hai seis". Demandan, logo, unha política de vivenda "razoable" que non consista en "quitar a uns para facilitar a outros". Tamén rompen unha lanza en favor dos turistas e aseguran, fronte ás denuncias polas dificultades na convivencia de parte dalgunha veciñanza, que "son camiñantes que non causan altercados e case non habitan as vivendas máis que para durmir e ducharse". E engaden: "Nós non somos fondos boitre que temos 400 vivendas". "Eu traballo na construción e o único que busco é estar algo máis folgado economicamente", sentenza un deles. 

MEDIDAS PARA UNHA OFERTA "RAZOABLE"

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, recoñécese "preocupado" pola "escaseza" de oferta de pisos para residentes e apela a resolver o conflito das VUT "dende o diálogo". "Nós sabemos que este modelo vén para quedar, non se pode prohibir de raíz nin esa é a nosa vontade, pero debe estar sometido a unha normativa municipal e autonómica e competir en condicións de igualdade para non xerar unha competencia desleal coas demais ofertas de aloxamento", explica a Galicia Confidencial.

Guinarte indica que o decreto da Xunta de Galicia "xa prevé" que antes de recibir autorización, a vivenda ten que "cumprir todos os trámites e autorizacións administrativas". "Entendemos que entre eles están os trámites urbanísticos municipais e requirimentos de habitabilidade, seguridade e accesibilidade". Iso é, di, o que está defendendo o Concello nos tribunais e o que levan gañado en "catro ou cinco sentenzas que son extrapolables ao conxunto". Dende o concello aseguran tamén que está en proceso de tramitación unha modificación do Plan Xeral de Ordenacion Municipal para "limitar" estas vivendas a "determinados ámbitos" e deixar a porta aberta a "compatibilizar o alugueiro ordinario dez meses co turístico durante dous", de cara a conseguir unha oferta "minimamente razoable" de vivendas en aluguer para estudantado e veciñanza. 

Ante a demanda do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, á Xunta de Galicia para que admita que deu autorizacións de inscrición no rexistro que "non podía entregar por falta de licenza municipal", o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, prometeu "colaboración absoluta" para buscar unha "solución" e asegurou que non hai "ningunha intención de contradicir" ao Concello, pero que "tamén é certo que hai unha normativa autonómica" e que hai que "compaxinar as dúas cousas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 SenSiglas

Vós sodes parte da culpa de que os alugueiros en Compostela estean subiendo sen cesar, e de que moitos vecinh@s non nos fique outra alternativa que marcharnos fóra do termo municipal, e deminuir a nosa calidade de vida.

2 EveLP

Os pisos turísticos están encarecendo o mercado inmobiliario básico, non pagan impostos e están atendidos por persoal non cualificado. Traen turismo barato, qua a miúdo crea molestias aos veciños e vacían as cidades e vilas de xente e negocios. Que pasen por caixa e que se lles faga inspeccións sobre as instalacións, o rexistro de viaxeiros e o diñeiro negro.

1 Gustavo V.

Oh, pobriños "rentistas", que en troques de gañar mensualmente o aluguer dun piso queren gañar miles de euros ao mes exercendo unha actividade hoteleira, pero sen ofrecer ningún servizo, agás o cambio de sabas, nen pagar imposto algún (nalgúns casos) ou pagando daquela maneira. Pobre xente!