A Xunta eleva a alerta por seca en Pontevedra: "A situación é preocupante"

O presidente advirte que toda Galicia está afectada pola alza de temperaturas e seca, e pide reforzar coordinación e concienciación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O Goberno galego elevou este xoves o nivel de alerta pola situación de seca na conca do río Lérez, na zona de Pontevedra, ante os datos que apuntan ao principio da escaseza de reserva de auga para o abastecemento neste ámbito.

Así, na súa reunión semanal, o Executivo autonómico deu luz verde ao acordo da Oficina Técnica da Seca, reunida este mesmo xoves, polo que se declara a prealerta por escaseza de auga nesta conca que abastece os concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu e Pontecaldelas.

As temperaturas anormalmente elevadas dos últimos días e a falta prolongada de choivas fixo que a situación se agravase especialmente na conca do Lérez, onde non hai reservas de auga embalsada. Neste río, o caudal circulante reduciuse de forma abrupta desde principios de mes, pasando dun caudal de máis de 3,7 m3/s a principios de mes a escasamente 1m3/s, o que supón unha redución do 73% en menos de 20 días, circunstancia que pode comprometer o abastecemento.

Estas circunstancias levaron á Oficina Técnica da Seca a elevar, no sistema do río Lérez, o nivel de "seca prolongada" --en función das precipitacións rexistradas-- e activar a prealerta por escaseza --que mide xa os recursos dispoñibles para garantir o abastecemento--.

RUEDA CHAMA A CONCIENCIARSE DE QUE A SITUACIÓN É "PREOCUPANTE"

Desta decisión informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta. E é que, nos primeiros quince días do mes de xullo en Galicia, as precipitacións foron uns 33% inferiores á media nesta época do ano.

Analizados os diferentes indicadores sobre as reservas de auga nos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, Galicia-Costa, a situación segue sendo de normalidade, excepto na conca do Lérez. A declaración de prealerta por escaseza será comunicada de inmediato aos concellos que se abastecen dela para que adopten, con urxencia, as medidas fixadas para este estado no plan autonómico.

En todo caso, a pesar de que a situación é "variada" ao longo do territorio galego --en función tamén de se os municipios teñen auga de reserva en encoro ou non, por exemplo--, Rueda mostrouse contundente ao afirmar que a seca adquire xa unha dimensión "preocupante" e é preciso reforzar as tarefas de coordinación entre administracións e de concienciación á cidadanía.

O presidente advertiu de que os problemas poderían chegar "aos 313" municipios de Galicia se non se actúa con responsabilidade --a Xunta apela ao consumo responsable-- e remarcou que é preciso realizar unha chamada de atención, así como coordinarse na toma de decisións executivas en función das distintas competencias de cada administración.

PARADA DE ENCE

Desde o pasado 1 de xullo o caudal do Lérez baixou abruptamente, o que levou á Xunta, segundo verbalizou Rueda, a advertir desta circunsancia e do seu deber de garantir o cumprimento do caudal ecolóxico. Analizada a situación, e ante a posibilidade de manter a actividade sen poñer en risco o caudal ecolóxico do río, a empresa comunicou a súa decisión de paralizar temporalmente a súa produción. "Como non podía ser doutra maneira", resolveu Rueda.

Greenpeace documenta a seca no Embalse Belesar en Portomarín, Lugo.
Greenpeace documenta a seca no Embalse Belesar en Portomarín, Lugo. | Fonte: Europa Press

BANDO SOBRE A AUGA

Doutra banda, a concelleira responsable do ciclo da auga no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, anunciou que a semana que vén será aprobado un bando municipal coas medidas que debe adoptar a poboación en caso de ir a peor a situación provocada pola seca. No momento no que se teña que utilizar a auga embalsada na presa do Pontillón pasarase "do consello á prohibición", ao limitar accións como o lavado de coches coa traída de auga municipal, a rega ou usar esta auga para encher unha piscina.

SANXENXO

Por outra banda, o Concello de Pontevedra presentará alegacións aos pregos para a licitación do servizo do ciclo de auga de Sanxenxo. Os motivos son "varias cuestións técnicas de incumprimentos sobre os períodos de amortización dos investimentos ou sobre como se revisan os prezos". Pero, sobre todo, teñen algo que para o Concello de Pontevedra é "moi grave", que é o propio prezo, segundo comentou Carme da Silva.

Estes pregos establecen que Sanxenxo se fornece polo Umia e polo abastecemento en alta desde Pontevedra, "e establece uns prezos para a compra de auga para Pontevedra de 0,1 euros por metro cúbico" cando o prezo que estima o Concello neste momento para o abastecemento en alta é de 0,183 euros por metro cúbico.

"O único tema aquí é que Sanxenxo non quere pagar a auga ao prezo que custa, e paga o que lle dá a gana. Se isto aparece fixado nos pregos, isto suporía dar pasos nas fixacións duns prezos que non se corresponden cos que deben pagar pola auga captada desde Pontevedra", concluíu a concelleira pontevedresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta