Touradas non, grazas

EQUO e Rede EQUO Xove manifestamos o máis profundo rexeitamento das touradas, onde o maltrato animal pretende ser fonte de lecer diversión, e apoiamos aos colectivos, plataformas e iniciativas que pretenden dar “carpetazo” a esta práctica en Galicia. A loita contra as touradas na nosa comunidade goza, afortunadamente, de boa saúde, sobre todo na Coruña e en Pontevedra.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 31/08/2014

Comparte esta noticia
Galicia non é unha comunidade caracterizada pola grande cantidade de eventos deste tipo. Non obstante, as feiras taurinas seguen estando presentes e deixando un triste fedor a sufrimento animal gratuíto. O caso da Coruña é o máis claro. O Concello gastou máis de 750000€ na organización de touradas dende o ano 2009. Tal e como informan a plataforma “Galicia mellor sen touradas” e a Asociación Animalista Libera, cuxo voceiro nos facilitou algúns dos datos que aquí se reflicten, as touradas mantéñense nesta cidade mentres que a programación cultural vese afectada ao desaparecer diversas actividades cuns gastos inferiores á metade do das touradas.
 
O proceso funciona da seguinte forma: o empresario recibe a adxudicación da celebración das touradas por unha cantidade arredor dos 3500€, e cada un dos coruñeses corren cos gastos de mantemento, instalacións, publicidade… Iso sí, a recadación chega íntegra ao peto do empresario. O 75,5% dos coruñeses dixo NON ao emprego de recursos públicos para as touradas na Coruña. Así pois, se a vontade dos coruñeses é tan importante para o señor Negreira (alcalde da Coruña) en temas como a construción dun novo centro cultural e de lecer na zona de Catro Caminos, por que non o é por exemplo neste tema? Que intereses poden xustificar a desmedida vontade do Partido Popular coas touradas?
 
Diversas iniciativas están en marcha dende as asociación antes mencionadas. Unha delas, moi interesante, pregunta en que se poderían ter empregados os cartos que financiaron as touradas. Non tería máis sentido darlle un empurrón á investigación e á cultura, evitar algún dos severos recortes en dependencia ou preocuparnos da xente que vive en Galicia nunha situación límite? Por estas razóns, dende EQUO e Rede EQUO Xove asinamos a petición que a Asociación Animalista Libera iniciou en change.org e que xa conta con máis de 120000 sinaturas.
 
Por outro lado, Pontevedra, quizais o maior referente en canto a touradas en Galicia, amosa ultimamente tamén o seu esgotamento, ao ver reducida a súa entrada. Datos escuros en canto aos gastos en Touradas e o éxito obtido na Coruña fixeron que outros colectivos e asociacións comezasen a organizar accións nesta cidade, ás que por suposto tamén nos sumamos. 
 
Aínda queda moito camiño por percorrer ata lograr o obxectivo final de ter unha comunidade libre de espectáculos que enxalcen o sufrimento animal como unha diversión. O máis importante é que a cidadanía máis concienciada estase a organizar para dar cada un dos pasos necesarios para conseguilo. E é que, unha vez máis, non somos verdadeiramente conscientes do poder que todo cidadán ten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia