A oposición urxe que se declare zona catastrófica as áreas afectadas polos incendios

"O acontecido na Pobra, no Courel, tamén en Quiroga, xunto con Valdeorras é o dano ambiental máis importante de Galicia, que se podería comparar co Prestige", sostén o alcalde da Pobra. Rueda afirma que os incendios "están camiño de ser controlados".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición insisten en demandar que se declare zona catastrófica as áreas máis afectadas polos incendios da última semana, en Valdeorras e O Courel, e piden "axudas non limitadas", así como a profesionalización dos servizos de prevención e extinción.

En rolda de prensa no Parlamento, a portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, argumentou que, "do mesmo xeito que fixo o Concello do Barco", deberíase activar a declaración de zona catastrófica, "polas axudas e medios que isto leva". Nesta mesma liña, a portavoz parlamentaria do BNG en materia rural, María Albert, reivindicou que as axudas que este xoves anunciou o presidente da Xunta "son un primeiro paso", pero sinalou que "non poden estar limitadas".

Neste sentido, xustificou que "dá igual que a vivenda custe "120.000 euros ou 150.000", xa que, na súa opinión, "o que hai que garantir é que as axudas non sexan nin un euro menos do valor das vivendas". En todo caso, o BNG instou a todas as administracións a "porse as pilas" para que a veciñanza afectada polos incendios "poida recuperar a normalidade". Por iso, demandou á Deputación de Lugo e á de Ourense que se impliquen coa cidadanía que "están a perder absolutamente todo".

Ademais, ambos os grupos parlamentarios coincidiron en sinalar "o abandono do rural" como "o principal problema" que fai que estes incendios sexan "tan virulentos" e a súa extinción "moi complicada". Así mesmo, a deputada socialista indicou que o PSdeG "aposta por un servizo único, profesional e equipado". "Xa pedimos ao conselleiro que reformulara o modelo de brigadas municipais porque é un modelo obsoleto e os concellos non teñen capacidade orzamentaria", salientou.

Sobre isto, a nacionalista María Albert demandou un servizo de prevención e defensa que teña "un mando único" e que se atope operativo durante os 365 días do ano para facer fronte a uns incendios "cada vez máis agresivos". "Os incendios apáganse no inverno", recalcou.

INICIATIVAS PSDEG

Ante esta situación, o PSdeG presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que insta á Xunta, entre outros asuntos, a pór en marcha un plan de recuperación da actividade agrogandeira e forestal e contra o despoboamento do rural; mellorar a profesionalización do persoal contra os incendios e reformular o modelo das brigadas municipais.

Así mesmo, tamén demanda levar a cabo traballos de prevención antes de xuño, realizar plans de autoprotección e evacuación para todos os núcleos de poboación e actualizar o dispositivo que contemple unha "óptima organización" de medios materiais e humanos nos distritos forestais.

CAMBIO DE MODELO

Por outra banda, o BNG pediu un cambio de modelo para terminar coas "políticas de abandono e de despoboamento do rural" que, na súa opinión, "fomenta o Partido Popular": "Son combustible para o monte". "Este momento ten que ser un punto de inflexión para cambiar estas políticas que están a acabar co noso país e que nos está furtando boa parte da riqueza patrimonial que temos en Galicia", reflexionou a parlamentaria nacionalista.

Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press
Unha persoa camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A superficie arrasada polos principais incendios rexistrados en Galicia xa supera as 9.000 hec. Carlos Castro - Europa Press

POBRA DO BROLLÓN E FOLGOSO

O Concello da Pobra do Brollón explorará a posibilidade de solicitar conxuntamente con Folgoso do Courel a declaración en ambos os municipios lucenses de "zona catastrófica" despois de que o incendio na zona arrasase máis de 11.000 hectáreas. Ambos os municipios, xunto co concello de Quiroga, son os principais afectados na provincia de Lugo desta vaga de lumes, cuxo orixe se remonta ás treboadas eléctricas do 14 de xullo.

O alcalde da Pobra, José Luís Maceda, avanzou que falará "con Folgoso, ao ser o mesmo incendio". "E chegado un momento terémonos que sentar os dous concellos e valoralo", di sobre esa declaración. "Imos pedir todas as axudas posibles", asegura. Remarca a "importancia" dos danos económicos e tamén do patrimonio natural queimado.

"O acontecido na Pobra, no Courel, tamén en Quiroga, xunto con Valdeorras é o dano ambiental máis importante de Galicia, que se podería comparar co Prestige", sostén. "Está claro que os danos ambientais e económicos son dos máis importantes dos últimos anos e da historia deste país", subliñou.

En canto aos incendios neste municipio, José Luís Maceda, constatou que "están controlados e perimetrados, pero non apagados". "Hai que ser cautos e estar alerta para que non se produzan rebrotes. Dá unha profunda tristeza ver o que aconteceu", concluíu o alcalde da Pobra do Brollón.

PRESIDENTE DA XUNTA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "despois de días moi complicados", con incendios que levan calcinadas máis de 30.000 hectáreas en Galicia, agora os lumes "están camiño de ser controlados completamente". "A climatoloxía está a axudar", asegurou.

O mandatario galego recalcou que este venres "as cousas están francamente mellor" no que respecta aos incendos. "Non podemos dicir que estean extinguidos. Están camiño de ser controlados completamente despois de días moi complicados, moi difíciles", explicou Rueda, pondo o foco ademais na afectación das chamas a núcleos de poboación, con ao redor de 85 vivendas calcinadas --segundo as estimacións da Xunta--.

Rueda aproveitou para reivindicar que Galicia conta co "mellor servizo de extinción de España, sen ningunha dúbida", algo que "se volveu demostrar" na última semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta