Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 16:15
O aumento da temperatura da auga causado pola onda de calor foi a causa da morte do medio cento de troitas que o pasado mércores apareceu flotando no río Miño, ao sur da cidade de Lugo, segundo a investigación aberta pola Consellería de Medio Ambiente.
Fontes deste departamento sinalaron que "a temperatura da auga estaba entre os 26 e 27 graos, cando normalmente oscila entre os 22 e 23 graos".
O aumento da temperatura da auga provoca que diminúa o nivel de osíxeno que, segundo apuntou a consellería, situábase na zona ao redor do 5 mg/l (miligramos por litro). "Nestas condicións, os salmónidos, cando non poden acceder a zonas de auga máis fría e con máis osíxeno, morren", aseverou.
A Consellería de Medio Ambiente sinalou que non se trata dun "feito inusual" na zona. "Pasou noutras ondas de calor e no mesmo tramo", asegurou. En concreto, a área afectada coincide co paso do Miño á altura do Club Fluvial, o Balneario e a contorna de Catro Ventos, en Conturiz (Lugo).
Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que acudiu ao lugar dos feitos para tomar mostras da auga, confirmou que "non se aprecia rastro de ningunha vertedura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.