Santiago permitirá que vivendas alugadas a maior parte do ano poidan se usadas como turísticas en verán

Bugallo culpa á Xunta da "situación irregular" dalgúns pisos ao non verificar se os inscritos no seu rexistro tiñan licenza local.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/07/2022 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou este venres que a capital galega permitirá compaxinar o uso de vivendas que estean alugadas a maior parte do ano como turísticas durante os meses de verán.

Vivenda en aluguer
Vivenda en aluguer | Fonte: Europa Press.

A proposta inclúese na modificación do Plan Xeral que será levada a debate no pleno extraordinario do próximo 8 de setembro. Con ela, Bugallo sinalou que pretende "ordenar e equilibrar" as condicións dos pisos turísticos de Compostela.

"Non pode haber 1.000 pisos en aluguer turístico e 30 para estudantes, familias e profesionais", aseverou o primeiro edil. "A modificación do plan permitirá compatibilizar; por exemplo, que durante 10 meses poidan ser para estudantes e nos dous meses estivais sexan de aluguer turístico", explicou Bugallo.

Por outra banda, culpou o Goberno autonómico da "situación irregular" na que se atopan algúns destes aloxamentos vacacionais. "Gran parte dos pisos que funcionan como turísticos non están regulados; houbo unha confusión coa inscrición no Rexistro da Xunta como Concesión de Autorización", explicou o alcalde compostelán.

"Os propietarios inscribiron o seu piso no Rexistro e entenderon que iso equivalía a unha licenza, pero a Xunta non as pode dar porque non é a súa competencia", aclarou Bugallo. Por iso, culpa o Goberno autonómico de "non verificar" se as propiedades inscritas no seu rexistro contaban con licenza do Concello, cando "a Xunta ten a obrigación" de garantilo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta