Por E.P. | Pontevedra | 22/07/2022 | Actualizada ás 17:33
O goberno da Deputación de Pontevedra PSOE-BNG celebrou este venres un "acto de dación de contas" para que "a provincia saiba a que dedicamos os recursos públicos". Foi un gran acto público no que se repasaron os sete anos de "goberno de progreso" na institución, nun tempo de "cambio radical".
O evento tivo lugar no paseo de Montero Ríos, fronte á escalinata central do Pazo, con música en directo e proxección de audiovisuais, todo iso co lema 'A provincia que queres. A túa Deputación', coa asistencia dunhas 400 persoas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou no seu discurso que ve cumpridos os obxectivos cos que asumiron o Goberno provincial en 2015, enfocados á transformación do territorio e unha nova forma de relación cos concellos "de igual a igual" que os converte en protagonistas.
Tamén citou como "accións transversais de Goberno" a cohesión territorial, a sustentabilidade, a mobilidade amable, a transición dixital e a innovación, o reto demográfico, a política para as persoas, os servizos e dereitos, a democratización da cultura no territorio e a igualdade.
"Hai sete anos definimos a provincia que queriamos construír, un cambio radical de modelo para a transformación intelixente desta provincia. Sete anos despois, aquí estamos. Investimos 1.770 millóns e mobilizamos máis de 104 de fondos europeos", dixo a presidenta.
Ademais, lembrou que neste período de tempo clausuraron unha débeda de 40 millóns e converteuse na deputación no Estado español que máis recursos transfire aos seus concellos, un 34%, fronte á media estatal do 17%. Tan só co Plan Concellos xa realizaron 327 millóns de euros de transferencias directas e permitiron acometer 3.000 obras e crear máis de 7.000 empregos.
CRÍTICAS DO PP
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Jorge Cubela, cualificou este evento como "partidista" e asegurou que, en realidade, foi un "acto político propio" do PSOE e o BNG ao que só acudiron cargos políticos e militantes destas formacións.
Cubela censurou que esta "exaltación partidista" pagarana todos os cidadáns. "Mentres temos veciños que non poden pagar a luz ou a compra, estes señores malgastan diñeiro do peto de todos co que estamos a sufrir", afeou.
Jorge Cubela incidiu en que "non hai nada que celebrar" e concluíu que "esta era a ocasión perfecta para que Silva dese explicacións sobre o enchufe a súa cuñada, algo que si lle demanda a sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.