"Cando compramos produtos locais, axudamos a quen fai unha prevención dos incendios indirecta"

Picos, director de Forestais, pide aos gobernos que non "anden con excesivos remilgos": intervención de terras e consumo de proximidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2022 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A vaga de incendios que prendeu o 14 de xullo tras as treboadas con descarga eléctrica revelou que Galicia xa é un dos terreos pasto do que o director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, definiu como "choque de trens". É dicir, "dúas evolucións extremadamente desfavorables" que propiciaron "un evento singular", o cal "non está documentado" e sobre o que "hai razóns moi probables" que apoian que "nunca se deu antes" en Galicia.

Este científico explica a Europa Press que os feitos que se desencadearon son consecuencia do "choque" desas dúas circunstancias: por unha banda, un cambio climático "de fondo" no que a vexetación está en peores condicións vitais; e o cambio socioeconómico, que provocou unha acumulación de masa forestal. "Cando chocan eses dous trens, o choque é moi forte", evidenciou.

Neste sentido, indicou que aínda que no caso do cambio climático, a solución ten que ser "global"; para o 'tren' de socioeconómico "pódese actuar localmente" e é neste ámbito no que se propoñen solucións: intervención da terra para xestionala e ordenala e consumo local como medida indirecta de "prevención".

"ENFRAQUECEMENTO DE ESPECIES"

Unha das cuestións que estuda a comunidade científica é a "recurrencia", é dicir, cando os incendios "son moi frecuentes e moi intensos, a capacidade de recuperación chega un momento en que desaparece". "Nin aínda que lle deamos todo o tempo do mundo", asegurou, para algúns casos.

En Galicia xa hai casos deste tipo, recoñeceu Juan Picos, quen dixo que, aínda que poida "sorprender", unha mostra é o Monte Pindo. "Iso que nos chama tanto a atención, eses penedos vense porque unha parte moi importante do solo o levou a choiva", apuntou, á vez que recoñeceu que esa mesma circunstancia permitiu, no seu momento, "fertilizar rías". "Pero o que nos quedan son pedras e sabemos que nos pode pasar", manifestou, en referencia a se se dá esa recurrencia antes mencionada.

O experto chama a "tomar medidas canto antes" e viu como punto positivo o feito de que non estamos en época de choivas intensas. Como contrapunto, lembrou que aínda queda "moito verán" e isto pode propiciar que sigan os incendios. "É moi importante romper a espiral (de incendios) e que, ao pouco de que se recupere, volva haber outro incendio, porque isto pode levar a etapas máis primitivas, a zonas de pequena matogueira e, sobre aí, non vai crecer nada", apuntou.

De feito, apuntou a un dos estudos realizados por José Antonio Veiga, catedrático e membro do departamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que indicaba os "incipientes" efectos do cambio climático e no que se recollía, por exemplo, o descenso da humidade no sur de Ourense e Pontevedra, máis aguilloado na primeira zona, como un "síntoma" do cambio. Á súa vez, a baixa humidade provoca maior seca do terreo, e por tanto, máis risco de combustión.

Isto, engadiu Picos, sostén un "enfraquecemento de especies" por atoparse en climas "non tan adecuados" para a súa supervivencia natural. É dicir, aquelas especies que estean "ao límite" das súas condicións, serán máis "susceptibles" a pragas, perda de follas ou unha peor situación sanitaria, xa que dado que non se poden mover, "atópanse nun sitio non adecuado para eles".

RISCO DE EROSIÓN DO CHAN

A erosión do chan preocupa tamén ás entidades ecoloxistas. Arco Iris, tomando os cálculos que fan equipos edafólogos, advirte de que o risco de erosión dos devastadores incendios que rexistrou Galicia nos últimos días pode alcanzar as 768.000 toneladas de terra vexetal.

Mentres, a asociación Amigos da Terra enviou un protocolo de actuación ante a situación actual, co fin de "non aumentar o dano". O primeiro, sinala, é "evitar retirar restos queimados", posto que esa maraña de esqueletos "reteñen toneladas de chan". Evitar pisar e circular por zonas queimadas, non esparcir sementes sen garantías e refuxios para animais, conforman outras das recomendacións deste protocolo.

Outras especies en perigo son as abellas. De feito, a Asociación de Apicultores de Galicia advirte da situación de risco que existe tamén para as colonias. "O importante é ter alimento para as colonias que sobreviviron e axudas ás explotacións apícolas que non están afectadas directamente polo lume pero si o seu territorio floral", avisan.

"NON ANDAR CON REMILGOS"

Juan Picos foi un dos expertos que participou na comisión de incendios do Parlamento de Galicia por mor da vaga de lumes de 2017, así como tamén o fixo na anterior de 2007.

"Antes dunha terceira comisión parlamentaria, o paso valente é empuxar as conclusións que saíron da segunda", manifestou nunha entrevista con Europa Press, preguntado pola validez desas conclusións nun contexto no que se revelan, ano tras anos, incendios que arrasan miles de hectáreas. Picos sinala, con todo, que se pode volver chegar á mesma conclusión de que o "problema" é o "abandono" do rural e que xa non hai poboación "non que viva no rural, senón do rural", por iso apunta a pasos máis aló: "non podemos andar con excesivos remilgos xurídicos, hai que empezar, aínda que soe politicamente incorrecto, pola intervención da terra" para pola a producir e ordenala e xestionala.

Outra das cuestións que pon encima da mesa é un cambio na sociedade nos hábitos de consumo. "Unha vez que admitimos que o abandono é unha ameaza, o consumo tamén ten que ter posibilidades preventivas, que sexamos conscientes que cando compramos con orixe local, axudamos a que persoas manteñan unha explotación e están a facer unha prevención (de incendios) indirecta. Esta decisión está nos nosos petos, comedores escolares, hospitais", incidiu.

Por iso, sinalou que hai que "reformular" a lei de contratos públicos se esta fai inviable favorecer as concesións con produtos locais. "A única maneira de parar o segundo 'tren' é que poidan manterse negocios viables (no rural), hai que eliminar esas barreiras (legais) que nos autoimpuxemos", trasladou.

Vista dun incendio en Tarascón, a 21 de xullo de 2022. Rosa Veiga - Europa Press
Vista dun incendio en Tarascón, a 21 de xullo de 2022. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta