Así prexudica o fume dos incendios a saúde respiratoria

A neumóloga Cristina Martínez apela á responsabilidade individual no cambio climático para impedir prexuízos perdurables no tempo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

A vaga de incendios que desde o xoves 14 de xullo arrasa Galicia deixa polo momento unhas 32.000 hectáreas calcinadas --segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Medio Rural--, cunha maior afectación nos A Pobra do Brollón e Folgoso do Courel e Carballeda de Valdeorras.

Ademais dos danos materiais e ambientais que deixan as chamas --aldeas destruídas, especies animais e vexetais mermadas ou gravemente prexudicadas--, existen outros prexuízos "menos rechamantes pero igualmente visibles e perigosos": os provocados polo fume. A neumóloga e coordinadora da área de Medio Ambiente da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica, a Dra. Cristina Martínez, explica a Europa Press a importancia, ás veces "menosprezada", para a saúde persoal de protexerse do fume dos incendios.

Este tipo de fume, relata, contén partículas que son moi nocivas para a saúde, fundamentalmente para a respiratoria aínda que, segundo apunta a doutora, algunhas investigacións indican que tamén podería afectar a saúde cardiovascular. O risco é aínda maior cando se trata de persoas vulnerables, sobre todo aquelas que presentan enfermidades respiratorias crónicas previas. Neses casos, unha exposición prolongada podería mesmo dificultarlles respirar.

SÍNTOMAS

Nunha fase inicial e para a poboación sa --aínda que inflúen as características de cada persoa--, os síntomas máis habituais son o picor de ollos, o lagrimeo, esbirros, irritación de gorxa ou a tose irritativa. Fai fincapé a doutora en prestar especial atención ás persoas enfermas que necesiten coidados específicos e "acudir ao médico ao menor empeoramento dos síntomas".

A respecto de como a inhalación de fume pode chegar a afectar o noso organismo, a neumóloga incide nas moitas variables que entran en xogo: desde o tempo de exposición e proximidade ao lume, pasando polas propias características do lugar onde se produza e ata o que sexa que estea a arder.

"Hai moitos factores. Nun incendio forestal, o tipo de fume depende, por exemplo, do tipo de bosque que se queime. Algunhas especies poden dispersar esporas ou partículas alerxizantes. Tamén afecta que se queimen vivendas ou naves ou outro tipo de construcións. Segundo que materiais ardan, pode aumentar a toxicidade do fume", explica.

AFECTACIÓN A LONGO PRAZO

A coordinadora da área de Medio Ambiente do Separ móstrase preocupada pola afectación do aire a longo prazo. Mentres se trate de feitos puntuais, "accidentes", contaminacións "illadas", "non teñen por que producir unha afectación reseñable o resto do tempo", apunta a Dra. Martínez.

A cuestión agora é se se cumprirán os prognósticos de moitos expertos ambientais que vaticinan incendios moito máis voraces e destrutivos, impulsados en gran parte pola acción do cambio climático sobre a terra --períodos de seca, temperaturas máis altas e unha menor humidade, principalmente--.

A neumóloga apela ao deber individual que cada un ten sobre este proceso. Na opinión da Dra. Martínez, pequenas accións poden supor un impacto positivo. "Hai unha porcentaxe de responsabilidade individual para mellorar isto. Condutas saudables como evitar usar tanto o automóbil, coller o transporte público e mesmo aumentar os desprazamentos a pé non só mellorar a calidade do aire, tamén a nosa saúde", argumenta.

Ademais da concienciación, durante a conversación a facultativa alude en varias ocasións á prevención. Respecto deste último aspecto, recomenda o uso de máscaras se é necesario saír á zona contaminada pero, sobre todo, evitar a exposición. Xa no interior dos fogares lembra non ventilar a casa --contrariamente á tendencia de moitos-- e asegurar na medida do posible portas e xanelas para que o aire do interior non se contamine.

Con todo, a doutora é partidaria das evacuacións preventivas e a súa utilidade para preservar a saúde. "O máis importante é entender que a proximidade a estes incendios afecta á saúde respiratoria. Xa sabemos que é moi duro abandonar a túa casa e as túas cousas, pero a saúde é o primeiro", defendeu.

APOIO PSICOLÓXICO

Evitar, neste caso, danos na saúde física pode causar prexuízos na saúde mental das persoas desaloxadas. Os propios medios de emerxencias destinados ás zonas afectadas polos incendios son conscientes da importancia do apoio psicolóxico para aquelas persoas que perderon parte ou todas as súas posesións e para aquelas que, evacuadas pola proximidade das chamas, viven co temor de que lles ocorra o mesmo.

Segundo confirmou a Consellería de Medio Rural a Europa Press, a atención psicosocial ás persoas desaloxadas a albergues e pavillóns está organizada pola Cruz Vermella en coordinación cos Postos de Mando Avanzados. Ademais, mediante o dispositivo extraordinario de Protección Civil "garántese" o apoio necesario ás persoas afectadas polos lumes. Os voluntarios realizan in situ tarefas de apoio, acompañamento e de identificación de necesidades nas distintas poboacións afectadas.

Un home camiña pola zona afectada polo lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A Consellería de Medio Rural elevou a máis 1.400 os desaloxados por incendios en 80 núcleos nos lumes qu. Carlos Castro - Europa Press
Un home camiña pola zona afectada polo lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A Consellería de Medio Rural elevou a máis 1.400 os desaloxados por incendios en 80 núcleos nos lumes qu. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta