Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 13:25
Con motivo da celebración este luns do Día Nacional de Galicia, a Comisión Executiva de UGT en Galicia reclamou que a recuperación económica, social e laboral en Galicia "se faga dunha maneira xusta, igualitaria e sustentable", para que "os fogares, as familias e os traballadores non sexan de novo quen paguen esta crise".
Nun manifesto, o sindicato advertiu de que "a polarización e as liortas políticas poden afastar as administracións dunha correcta xestión e bo aproveitamento dos fondos europeos" para camiñar cara a unha Galicia "competitiva e con emprego de calidade".
Para UGT, esta data é unha "xornada de celebración" para toda Galicia, pero tamén un día "reivindicativo" e "de recordo" para as vítimas da covid e "para todos os traballadores, sobre todo do sector sanitario, que seguen facendo importantes esforzos na loita contra esta pandemia". Do mesmo xeito, tiveron palabras de recordo para os afectados e falecidos na Guerra de Ucraína e para as vítimas do accidente ferroviario de Angrois, do que se cumpren 9 anos.
SUBIDA SALARIAL E RENDAS DESFAVORECIDAS
Cunha "inflación desbocada" que está "a afogar" a poboación, UGT reclama unha "subida salarial" e se que "garantan cláusulas de revisión en todos os convenios para evitar a perda de poder adquisitivo dos traballadores".
Así mesmo, o sindicato incide en que tamén "hai que seguir protexendo desde as administracións as rendas máis desfavorecidas e atallar o aumento excesivo das marxes das empresas dos sectores enerxéticos e doutros que están a aproveitar a situación para especular e elevar os seus beneficios". Aínda que consideran que as medidas anunciadas polo Goberno central "van na boa dirección", UGT reclama que se "vixíe de maneira máis contundente o comportamento especulativo doutros sectores responsables da espiral inflacionista".
En Galicia, a Xunta "debe facer unha aposta clara pola mellora e a modernización das políticas activas de emprego que, xunto coa aplicación da reforma laboral, deben ser instrumentos prioritarios para a mellora da calidade do emprego nesta Comunidade". Por iso, UGT-Galicia insta á Xunta a que "reactive as mesas de diálogo social co fin de afrontar este importante reto" e a que asuma "as competencias que lle son propias en materia industrial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.