GC Aberto

No Día da Patria Galega

Por admin | GCABERTO | 25/07/2022

Comparte esta noticia

Galiza é unha nazón fanada, esguía, mutilada. Un territorio circuncidado nun rito de iniciación que nos apresa nunha eterna adolescencia emocional. Un territorio ocupado como pode ser o povo irmao saharaui. Mais a ocupación galega é solermiña, doutra fasquía.

Manifestación do BNG no Día da Patria 2019
Manifestación do BNG no Día da Patria 2019 | Fonte: arquivo

A nazón galega finou en 1073 e foi soterrada en 1090 no sochán do reino leonés co rei García. Por volta de 1140 aventáronse as nosas cinzas coa fundación de Portugal. Dende eses recuados tempos apenas somos unha pantasma nacional. Unha pantasma que peregrina a Compostela cada ano como á Meca. Fumos expropiados dos tres requisitos que marca o dereito internacional para sermos Estado: territorio, povoación e governo autónomo.

A povoación galega vense exiliando masivamente dende o século XIX por motivos coloniais forzados pola política imperialista española que nos condenou a un arrabaldo do que seguir chuchando a nosa riqueza económica. A nosa dependencia colonial é máis forte quizais pola nosa semellanza linguístico-cultural co seu principal nemigo peninsular, Portugal. Lembrámoslles demais ao único territorio peninsular ceivo das gadoupas castelás.

Ficamos tan poucos galegos e tan avellentados na Galiza -tendo sido no pasado unha das terras amplamente povoadas-, que se non fora polos inmigrantes, a estas alturas as cidades e vilas galegas non serían máis ca xeriátricos e mestos cemiterios.

Que dizer do noso territorio alén de non ser noso? Podemos ternos por tan propietarios como o son os africanos. Malia que aquí non verán ninguén os cascos azuis. Aos señores da terra sucedéronlle os señores do livre mercado sen solución de continuidade. Os camiños da vida oterianos. A fidalguía alleada, señores de forma e coitelo, foron subrogados ás multinacionais do mundo Global mudados nunha caste de burgueses ananos. Tan ananos como os daquel burdel aclimatado de Ferreiro. Eles son donos de vida e morte do noso territorio. O mesmo ten o tipo de propiedade, privada, estatal ou ese roubo sen volta que é a propiedade comunal. Os ananos mercadean coas vías de transporte que betumescurean o mapa enteiro en redes de autoestradas, viaductos, rotondas e pistas locais dunha vergoñenta parcelaria que rematou por retallar o territorio para facilitar a viaxe das elites, larpar as nosas riquezas e facilitar os incendios e a deturpación do atrasado territorio senlleiro. A especulación do tixolo e o formigón elevada a industria autóctona xunto co xacobeo de Santiago matamoros e pecha España.

Unha vez vaciado o rural das xentes veu o saqueo da minería e das repovoacións forestais. A plantación de patacas nos humidais. A destrución programada da agricultura localizada tradicional e da gandeiría extensiva. Nas costas, a pesca e o marisqueo tradicional, afogado pola industria contaminante e os lobbies do mar disfrazados de acuicultura.

Ficamos sen territorio porque os galegos urbanizámonos a medida que nos fumos alleando cun concepto errado de progreso. A medida que modernizamos os caciques. A medida que mudamos a lingua e o sotaque. Que deixamos talar as fragas nas lapas do progreso. A medida que o carro vale máis que a terra e asilamos aos devanceiros.

Perdemos o territorio colonizados pola moda allea, vendidos ás letrinas sen outro afán nin fin que o merco-vendo. Alugamos a identidade.

Hoxe o 40% do territorio témolo a eucalito e matogueira. A metade da Galiza é un palleiro presto a arder pasto da cinzas das Pasteiras. A gandeiría intensiva presta a se afundir á sombra especulativa dos mercados europeos e do devalo enerxético. Os montes ameazados de centos de proxectos de saqueo da minería e das mal chamadas enerxías limpas. Enerxía colonial deslocalizada. Unha bomba de gas, tambén nacionalista e agora verde, ameazando voar polos aires a povoación de Ferrolterra. Gas licuado como os nosos miolos de galegos en barbecho. Falsas promesas descarbonizadoras pontesas. Promesas por unha emerxencia climática que un nacionalismo miope e curtopracista nunca defendeu.

Galiza, aquela terra minifundiaria alcumada de autárquica, é hoxe unha terra sen resiliencia. Só o 3,9% do noso territorio adicámolo á produción alimentar. Deixamos pechar cooperativas alimentarias namentras desbotamos fondos europeos en absurdas dixitalizacións e biomasas multinacionais nun mundo en devalo enerxético. Acosamos as feiras e mercados tradicionais sometidos á dictadura dos supermercados. Afiuzamos as nosas vidas aos ventos dos Mercados da gran distribución. Expostos á fame negra coa posibel creba das cadeas globais de suministración.

En tempos de colapso temos un territorio en destrución acelerada cunha poboación sen alfabetizar na supervivencia, sen ruralizar que só mira o rural para chantar eucalitos ou facer rutas guiadas.

Nin territorio, nin povoación nin governo autónomo. (Non confundir con Comunidade Autónoma). Non, non somos un Estado.

No Día da Patria, Galiza segue a ser unha nazón fanada a escoitar uns rumorosos de repovoación que nada din.

IOLANDA TEIXEIRO REI

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta