Formoso reitera a súa oferta para reformar o Estatuto: "Galicia necesita máis ferramentas"

O secretario xeral do PSdeG participou este 25 de xullo na tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao en Rianxo.

Por Europa Press / Redacción | Rianxo | 25/07/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, neste Día Nacional de Galicia, reiterou aos demais partidos políticos a súa oferta para sentar a dialogar e reformar o Estatuto de Autonomía. "Galicia necesita máis ferramentas para poder xerar maiores oportunidades de futuro para o seu pobo", proclamou.

Formoso encabezou este 25 de xullo na tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelao en Rianxo, acompañado de máis de 300 militantes, simpatizantes e cargos políticos, para pronunciar, a continuación, un discurso no que defendeu que Galicia alcance "o máximo teito competencial", así como todos os instrumentos previstos no ordenamento xurídico para responder a situacións de emerxencia de maneira máis áxil e eficiente.

"Está encima da mesa para sentarnos a falar con total consenso e tranquilidade", manifestou Formoso, quen incidiu en que é "imprescindible reformar" o marco estatutario nunhas declaracións aos medios no marco da celebración socialista, na que reivindicou o galeguismo de "raíces ben profundas" á vez que expresou a súa determinación por permanecer na "vangarda dos cambios sociais, de progreso e da conquista de novos dereitos sociais".

POSTA AO DÍA

Non en balde, lembrou que en 1981 non había "nin internet" nin estaba aprobado o divorcio, como exemplos da necesidade de actualizar o marco estatutario, máxime, despois de "13 anos" sen lograr "nin reclamar" ningunha competencia nova para Galicia. Convencido de que hai cuestións que se decidirán mellor "desde San Caetano" que desde Madrid, Formoso enarborou o galeguismo da súa formación política para asegurar que o PSdeG defenderá a Galicia por diante do partido. "Nunca imos pór o partido por diante de Galicia", salientou.

Formoso subliñou que o PSdeG "é a única forza política que estivo nos momentos clave da historia", "impulsando" o Estatuto de 1936 e o de 1981, así como a Constitución ou o ingreso na Unión Europea. "Estivemos sempre remando a favor da autonomía galega e do reforzo do noso autogoberno. Nunca permitades que vos digan o contrario", remarcou.

O líder socialista tamén apelou a que foi un goberno presidido por Emilio Pérez Touriño o que protagonizou o último intento de reforzar o Estatuto. "Foron outros os que fixeron encallar aquela reforma, sumíndonos na parálise", apuntou Formoso, antes de insistir en que "non é o PSdeG o que actúa con inmobilismo renunciando a asumir unha soa transferencia en 13 anos", así como tampouco os que "definen o marco estatutario como un traxe vello que se debe queimar nunha fogueira para construír a república galega", en referencia a populares e nacionalistas.

Formoso chamou a que o novo marco estatutario incorpore unha carta de dereitos cidadáns, posto que hai moitos que se foron incorporando desde 1981, como o dereito ao aborto, o matrimonio igualitario ou a axuda ás persoas dependentes, pasando pola sanidade pública e universal.

Así, o secretario xeral dos socialistas lembrou que son moitas as comunidades que reformaron os seus marcos, incorporando as novas competencias das que non dispón Galicia. "Aí está a cesión das autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, de que dispón Andalucía e moi pronto Canarias, a xestión de tráfico ou a habilitación de instrumentos como o decreto-lei", explicitou.

En lugar de "brinde ao sol", reclamou ao Goberno do PP que "sente a falar da reforma estatutaria", para que Galicia "poida alcanzar o maior teito competencial".

LEGADO GALEGUISTA

Na súa reivindicación polas "raíces ben profundas" do PSdeG, sinalou que durante a República os socialistas "acompañaron a Castelao no impulso do Estatuto de 1936 e "tamén foron perseguidos por iso, como ocorreu ao alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla, asasinado só un día despois que Alexandre Bóveda".

"As nosas siglas son as que escolleron Ramón Piñeiro ou Carlos Casares para participar na política", abundou Formoso, e "serviron tamén de última morada política para un militante moi prezado, Celso Emilio Ferreiro, que dixo que Galicia era un país pequeno, pero que chegaba ata as estrelas", proclamou.

Ao acto, que concluíu coa interpretación do Himno de Galicia, tamén acudiron varios representantes da plataforma cidadá que reivindica a construción dun centro de día en Rianxo, con quen falou Formoso, quen trasladou os compromisos adquiridos pola Deputación da Coruña para cofinanciar o equipamento.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa intervención en Rianxo, na ofrenda floral ante Castelao. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa intervención en Rianxo, na ofrenda floral ante Castelao. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta