Galicia reclama ao Goberno "flexibilizar" os criterios de MIR de Primaria para poder formar máis médicos

Que haxa máis centros con MIR ou que poidan ir adquirindo competencias sen esperar ao final da formación, entre as propostas incluídas

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/07/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Galicia reclamou ao Goberno que se "flexibilicen" os criterios de acreditación de prazas MIR para "seguir avanzando e incrementar" o número de prazas dispoñibles para a formación de médicos de familia, de modo que se poida adaptar "ás necesidades do futuro" e á actual carestía destes profesionais e se poidan pór en marcha de forma inmediata, sen aprazalo un ano máis.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que participou por videoconferencia na Comisión de Recursos Humanos do SNS, que tratou a situación das prazas MIR e, en especial, da especialidade de Medicina de Familia, tras quedar sen elixir unha importante cantidade de prazas.

Entre as medidas que propón Galicia está a de "baixar aínda máis" a nota de corte esixida, que xa se rebaixou sen alcanzar todo o efecto desexado. "A nota de corte debería revisarse nun contexto como o actual de falta de especialistas para que non pasase outra vez o deste ano", dixo Comesaña.

Do mesmo xeito, e ante a preocupación polo déficit de profesionais de medicina de familia, o conselleiro de Sanidade considera necesario "revisar os criterios de habilitación" e facelos "máis flexibles" para chegar a máis alumnos.

Aínda que non puxo unha cifra concreta coa que poderían incrementarse estas prazas de formación en Galicia, o conselleiro explicou que as propostas pasan por facer dun sistema de acreditación "bastante ríxido" algo máis "flexible" e permitir, por exemplo, que "haxa máis centros que agora mesmo non teñen médicos en formación e que poidan telos", así como que este MIR vaian "adquirindo certas competencias sen necesidade de esperar" ao final do período de formación.

Para Comesaña, se estes acordos "cristalizasen" podería darse unha orde este mesmo ano que incorpore as novas prazas ou, polo menos, teña a "flexibilidade" suficiente para incorporalas se se chega a un acordo durante a súa tramitación, sen necesidade de esperar un ano máis. No entanto, non se mostrou optimista con esta posibilidade: "Cremos que a vontade do ministerio non vai ir por aí", resolveu.

GARDAS EN PAC

Por outra banda, García Comesaña desmentiu que, como denunciou un sindicato médico, a consellería propuxese que os MIR de grao catro --no seu último ano de formación-- fixesen gardas sós na PAC.

"Nunca se expuxo que fixesen gardas sós, senon acompañados dun médico da PAC", dixo o conselleiro, que admitiu que a situación nalgúns Puntos de Atención Continuada é complicada, como é o caso da área de Pontevedra, onde "máis do 50 por cento dos médicos non están dispoñibles".

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta