Sanidade inclúe a suspensión de vacacións entre as medidas "excepcionais" para cubrir PAC

Asegura, con todo, que a súa intención é non tocar os descansos dos traballadores. Propón tamén un sistema de gardas localizadas para cubrir aquelas quendas que queden descubertos na PAC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

Suspensión de vacacións e permisos xa fixados, ampliación obrigatoria da xornada ou revogación das autorizacións de suspensión son algunhas das iniciativas que a Consellería de Sanidade presentou aos sindicatos da Mesa Sectorial dentro dun documento que recolle "medidas urxentes e excepcionais" dirixidas a garantir a cobertura da PAC con persoal médico e enfermeiro.

O documento foi levado a mesa sectorial a pasada semana e os sindicatos con representación mostraron alí a súa oposición a estas medidas, dado que son "lesivas" cos dereitos dos traballadores, aducen. Con todo, o visto e prace da mesa non é esixible, polo que o documento seguirá agora a súa tramitación, previsiblemente, coa súa aprobación no Consello da Xunta, segundo lles trasladaron os seus responsables.

Esta proposta levantou moitas críticas pola parte sindical, que acusa a Sanidade de optar por "medidas penalizadoras de dereitos". En concreto, a CIG sinala que é "responsabilidade da Administración sanitaria tomar as medidas necesarias para garantir a asistencia", pero, advirten, "ningunha medida en contra dos traballadores vai contribuír a solucionar as causas que xeran os problemas actuais".

Na mesma liña, CC.OO. entende que "a maior parte" das medidas incluídas no documento "son restritivas cos dereitos dos profesionais" e "fan pagar ao persoal a falta de previsión e a mala xestión da dirección da área sanitaria". Fronte a este tipo de medidas, a CIG esixe a Sanidade que abra un debate sobre "medidas estruturais" para mellorar esta situación no futuro e expresou a súa preocupación porque se estea trasladando á poboación que os responsables da situación son os profesionais da PAC.

A CONSELLERÍA DESCARTA EXECUTALO

A pesar de que o documento de medidas excepcionais o inclúe --para que poida ser compensado en caso de executarse--, fontes da consellería de Sanidade aseguraron que a súa intención é non tocar os descansos dos traballadores. "Non se van a suspender vacacións", resolveron fontes de Sanidade en declaracións a Europa Press.

No documento de seis páxinas presentado aos sindicatos, que aínda pode sufrir modificacións, inclúese que, "como último recurso", poderá procederse á "denegación, suspensión ou revogación das autorizacións de goce de vacacións e permisos, ou condicionalas á garantía das presenzas mínimas necesarias nos días nos que se presuma un maior pico de actividade".

A revogación das vacacións no mes de xullo e agosto "levará a compensación económica equivalente", continúa, sen prexuízo do seu goce posterior.

OUTRAS MEDIDAS

Outras das medidas excepcionais que inclúe o texto é a posibilidade de modificar as gardas no calendario para garantir a cobertura de necesidades, así como a extensión obrigatoria de xornada en casos nos que xa non se poida optar pola extensión voluntaria.

As xerencias das áreas promoverán que o persoal residente o último ano de Medicina Familiar "realice gardas na PAC xunto ao médico de familia", estendendo esta medida a Enfermaría, e ofertarase ao persoal da categoría de médico de familia con vínculo temporal sen nomeamento de longa duración un compromiso de vinculación estable dun ano, prorrogable ata dous.

Así mesmo, o texto inclúe que, en casos excepcionais, se valorará por parte das xerencias a suspensión das penalizacións que impiden traballar durante algún tempo, excepto as de incumprimentos moi graves, e poderanse suspender ou extinguir comisións de servizo e habilitar a liberados sindicais para realizar gardas.

Do mesmo xeito, as xerencias poderán limitar temporalmente a autorización de suspensións --cando o profesional pide que non se lle chame a substitucións durante un tempo por motivos xustificados--, así como revogar as xa concedidas.

SISTEMA DE GARDAS

No documento de medidas excepcionais figura tamén a posibilidade de implementar un sistema de gardas localizadas para cubrir ausencias na PAC, un elemento para o que a Xunta xa elaborou un borrador de instrucións que negocia cos sindicatos. O sistema estaría pensado para cubrir aquelas "ausencias imprevisibles" que se producen na PAC, especialmente durante os fins de semana. Con iso, optaríase inicialmente pola cobertura con persoal voluntario, pero, cando non se logre, habería persoal en cada área "en expectativa de ser chamado" para cubrir estas presenzas mínimas.

A Xunta, que propón que se elabore un calendario ata o mes de setembro, apunta que cada área decidirá o persoal mínimo da 'columna de garda', aínda que será, polo menos, un médico ao día os sábados e un médico ao día por domingo ou festivo. A garda localizada tería retribución e, en caso de mobilización, pagarase como garda de presenza física.

Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense
Persoal sanitario nun centro de saúde en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta