Rueda critica o 'non' á súa petición da competencia de costas e o Goberno anima a reformar o Estatuto

Asegura que recibiu un "non rotundo" do mandaratio estatal e insiste en que transferir a Galicia "só depende da vontade política" do Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, constatou, tras a súa reunión co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, que recibiu un "non rotundo" do mandatario estatal á reivindicación de xestionar as competencias do litoral, a pesar de que --insistiu-- o Consello Consultivo de Galicia "avalou" que era posible efectuar o traspaso sen reformar o Estatuto de Autonomía.

Na rolda de prensa posterior á súa reunión con Sánchez, o presidente galego insistiu en que transferir a Galicia "só depende da vontade política" do Goberno central e "non hai problema xurídico en contra". "Deixeille toda a documentación", indicou, antes de incidir que a Xunta ten en conta a necesidade de "preservar" o medio ambiente, pero tamén que edificacións e empresas que efectúan a súa actividade no litoral necesitan "certezas".

"Díxome que non categoricamente e eu trasladeille que a Xunta e eu seguiremos insistindo para que esa transferencia se produza. É difícil porque se acaba de acordar con Canarias o que a nós se nos nega de raíz", esgrimiu Rueda. No apartado de competencias, o presidente galego tamén explicou que trasladou a Sánchez a necesidade de "axilizar" o proceso para poder materializar o traspaso da AP-9, que segue a súa tramitación lexislativa no Congreso "a un ritmo lentísimo", baixo o punto de vista de Rueda.

REFORMA ESTATUTARIA

Pola súa banda, na súa comparecencia, a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, reafirmou a postura do Executivo central: a diferenza doutras comunidades --puxo o exemplo recente de Canarias--, Galicia "non ten recoñecido no seu Estatuto a posibilidade de asumir as competencias de costas". "A lei, a Constitución e os estatutos márcannos a dirección; é a única dificultade que podería existir para traballar na transferencia", indicou Rodríguez, quen animou á Xunta a impulsar unha modificación da súa carta estatutaria se quere avanzar nesta competencia.

En todo caso, tras reivindicarse como "defensora do Estado das autonomías", Rodríguez enviou "unha mensaxe de tranquilidade" aos sectores afectados. "Non existe ningún risco para actividades e empresas que pola súa natureza non poidan desenvolverse noutra localización", esgrimiu.

"Quero lanzar unha mensaxe de tranquilidade porque nin as industrias nin a cidadanía teñen que estar pendentes de quen ten a competencia. As administracións debemos prestar e facer unha boa xestión das nosas competencias", esgrimiu, para garantir que o Executivo central o fará coas do litoral.

Un documento no que se le 'Reunión co presidente do Goberno' é sostido polo presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa rolda de prensa.. Eduardo Parra - Europa Press
Un documento no que se le 'Reunión co presidente do Goberno' é sostido polo presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa rolda de prensa.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

FINANCIAMENTO

Noutra orde de cousas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu este xoves que é "dificilísimo" pór de acordo ás comunidades autónomas para reformar o modelo de financiamento autonómico, pero defendeu que todas terán que "ceder" para ir dando pasos definitivos á hora de cambiar o actual sistema. O financiamento autonómico foi un dos puntos que se abordaron nesta reunión con Rueda.

Neste contexto, Rueda sinalou que Sánchez "coñece a necesidade" de empezar a dar pasos para acordar un novo modelo, aínda que asegurou que "todos" están de acordo en que ten que haber un movemento que recolla as evolucións que non puido recoller o anterior sistema. Ademais, lembroulle o documento que aprobaron oito presidentes autonómicos de distinto signo o ano pasado no Cume de Santiago pedindo que primase o criterio do despoboamento no novo modelo de financiamento.

De feito, admitiu que comunidades autónomas gobernadas polo mesmo partido, como poidan ser a propia Galicia ou Andalucía, poden ter distintos obxectivos á hora de negociar esta reforma, pero insiste en "ceder". Aquí, ademais, aínda que recalcou que será difícil acordar estes asuntos, asegurou que "se se parte disto", nunca se van poñer a falalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Ou non saben ler ou non entenden o que len... https://twitter.com/00Memoria/statu... Estatuto de Autonomía de #Galicia Das competencias de Galicia - Art. 27.3 Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

1 SenSiglas

Se non temos nin policía propia, como imos reclamar a zona de servidume de protección do litoral? Dixocho clariño: poñédevos de acordo os galeguiños e despois vides pedir a esmola con xeito.