Verín e COGAMI asinan un convenio para a inserción laboral de persoas con discapacidade

O acordo ten como obxectivo a cesión de instalacións municipais a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) de xeito gratuíto. Estas serán utilizadas para a creación dun punto de información, asesoramento e espazo informativo desde o que desenvolver a súa actividade.

Por Galicia Confidencial | Verín | 30/07/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Á sinatura do convenio asistiu o presidente nacional de COGAMI, Anxo Antón Queiruga Vila; o orientador laboral do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral en Verín, Carlos Montero; o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane e o coordinador da área de Servizos Sociais municipal, Javier Cid. A finalidade do pacto é mellorar as oportunidades das persoas discapacitadas na comarca, potenciando a colaboración con empresas da contorna ou favorecendo a difusión de actuacións realizadas con persoas deste colectivo.

Renovación convenio COGAMI. Foto: Prensa do Concello de Verín
Renovación convenio COGAMI. Foto: Prensa do Concello de Verín

COGAMI traballa vinculada ao seu Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) para persoas discapacitadas, axudándoas a penetrar no mercado laboral. A entidade, sen ánimo de lucro, leva anos fomentando e reivindicando os dereitos deste colectivo, e colabora co Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, organiza cursos de formación adaptados a necesidades especiais.

"Desde o Concello estamos sempre abertos a que este tipo de iniciativas se leven a cabo na vila, polo que poñemos a enteira disposición da Confederación todos os recursos municipais pertinentes", sinalou Gerardo Seoane. O consistorio ten competencias, ademais de na creación e mantemento de servizos sociais, na coordinación con iniciativas sociais externas, fomentando a solidariedade e a participación social. "Verín conta coa infraestrutura e dependencias axeitadas ás necesidades de COGAMI", apuntou o rexedor municipal.

Segundo o alcalde, esta colaboración suporá unha mellora da atención e servizos prestados por COGAMI no municipio. Favoreceranse as oportunidades das persoas con discapacidade en toda a contorna, melloraranse a coordinación e a comunicación para estar en contacto de cara a proxectos nos que poidan coincidir. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta