A nova operación de Baltar para manter o poder sen Jácome: fichar políticos doutros partidos

Recupera para o PP a unha deputada que estaba en Ciudadanos para manter a maioría na Deputación de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2022 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

Baltar volve tirar de operación política e doutras cousas que non se coñecen para manterse no poder. Así, A deputada provincial en Ourense Montse Lama, que en 2019 deixou o PP para presentarse por Ciudadanos (Cs), regresa á formación popular. É o xeito que ten o líder do pP de Ourense de garantirse formalmente a maioría na Deputación provincial --ata agora tiña 12 de 25 deputados-- tras a ruptura do pacto con Democracia Ourensá. En todo caso, Lama xa deixara hai tempo Cs e votaba co PP desde os non adscritos.

Nun comunicado, Baltar celebrou o regreso de Lama, que interpretou como "a volta á formación política que mellor defende os intereses da provincia de Ourense"."Ela sábeo, cando estivo, e sábeo cando non estivo. Ela viu como o noso rigor e a nosa filosofía de traballo, ten a Ourense en letras maiúsculas", aseverou, antes de incidir en que a nova incorporación reafirma a "estabilidade" que os populares buscan "en todas as institucións" nas que teñen representación.

Ademais, vinculou o regreso de Lama coa "apertura" do PP de Ourense "Nos últimos días tamén vimos como Manuel Cabezas referendaba o seu liderado na capital da provincia. Todos facemos falta, en política sumar é multiplicar. E esta achega á nosa formación de Montse Lama é unha nova aposta polo Ourense", dixo.

"Nestes meses de negociacións co grupo de goberno da Deputación démonos conta de que temos moitos puntos en común, únenos Ourense, o amor pola nosa terra, a preocupación polo benestar dos nosos veciños, e a ilusión de seguir traballando por unha provincia cargada de oportunidades. Oportunidades que sabemos interpretar e que faremos realidade con novos proxectos de futuro", manifestou, pola súa banda, Montse Lama.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar | Fonte: Deputación de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta