Denuncian que a "saturación" na área sanitaria de Pontevedra provoca "erros" nos diagnósticos

SOS Sanidade Pública protagonizou este luns un acto de protesta fronte ao Hospital Montecelo.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 01/08/2022 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

SOS Sanidade Pública protagonizou este luns un acto de protesta fronte ao Hospital Montecelo de Pontevedra, no que denunciou a "falta de profesionais", a "saturación" dos servizos de urxencias ou as "interminables" listas de espera, que provocan "erros" nos diagnósticos.

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo | Fonte: Sergas.

Esta plataforma cidadá volveu a sinalar como responsables desta situación as políticas de "privatización" da sanidade por parte do PP. Así, reclama un maior investimento en recursos para ofrecer unhas prestacións "de calidade" e unhas condicións de traballo "dignas" para todos os profesionais.

O portavoz do colectivo, Juan Manuel Loureiro, asegurou que "debido á tensión que están a soportar" os profesionais sanitarios, con "xornadas maratonianas" e "escaso tempo" para dedicar a cada paciente, "están a ter moitos máis erros nos diagnósticos", algo que cualifica como "moi grave".

Para tratar de atopar unha solución a este conflito, SOS Sanidade Pública ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desde o 8 de xullo. Con todo, aínda non recibiron resposta.

Sobre o proceso de negociación que teñen aberto o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e os principais sindicatos do sector, SOS Sanidade Pública traslada o seu apoio a "todo acto que se faga para defender a sanidade". "Pero dicimos que non vaian contra o xerente, que é só unha peza mais, isto vén de moito máis arriba", remata Loureiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta