A Xunta critica que haberá concellos que "perderán zonas municipais" pola nova lei de Costas

"Toda a cadea mar-industria que se atopa no litoral entendo que vai ter problemas", di Rosa Quintana.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/08/2022 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, criticou que o Goberno central non tivese en conta as alegacións que a Xunta expuxo ao novo Real Decreto de Costas, aprobado este pasado martes, e augurou que as industrias que se atopan instaladas por todo o litoral "van ter problemas" con esta nova normativa.

Tal como indicou Quintana este mércores en declaracións aos medios de comunicación antes de visitar unha batea na ría de Vigo, este Real Decreto, do mesmo xeito que a lei de Cambio Climático, elimina a prórroga extraordinaria de 75 anos á que tiñan dereito todas as instalacións que estaban sobre dominio público marítimo-terrestre, incluíndo as casas.

Todo iso a pesar de que, segundo explicou, hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, ratificada polo Tribunal Supremo, que lles daba a posibilidade de ter eses 75 anos. "Agora si que xa se acabou", apostilou. Quintana lamentou que hai certas decisións que "teñen moito impacto", como establecer que unha soa subida das ondas do mar estableza que esa zona, á que chegou a auga, se considere xa de domingo público marítimo-terrestre, a pesar de que antes se tiñan que dar polo menos cinco episodios consecutivos de chegada de onda para que se catalogase así.

"Algúns concellos van perder zona municipal e toda a cadea mar-industria que se atopa no litoral entendo que vai ter problemas", criticou Quintana, polo que engadiu que a Xunta estudará esta normativa e analizará a posibilidade de presentar un recurso.

PERTE AGROALIMENTARIO

Por outra banda, preguntada polas queixas da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco-Cecopesca) e a Asociación de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos do Mar e a Acuicultura (Conxemar) por non poder abordar o sector mar-industria investimentos en sustentabilidade e eficiencia enerxética ao amparo do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) Agroalimentario, Quintana subliñou que non se trata dun criterio europeo, senón do Estado.

Así, destacou que en Portugal este sector si pode acceder aos fondos europeos do Perte Agroalimentario e en España non. Por iso, pediu ao Goberno que "recapacite" e adopte decisións similares ao Executivo luso.

Noutra orde de cousas, preguntada sobre a reunión entre o Goberno e a Confraría de Pescadores da Coruña, que se verá afectada polo dragado da ría do Burgo, Quintana subliñou que a Xunta non foi convidada a tal encontro, aínda que si será o Executivo autonómico o que certifique cada tres meses os mariscadores que están afectados.

Hotel Abeiras, no Grove, que o TS ordena que sexa demolido por incumprir a Lei de Costas
Hotel Abeiras, no Grove, que o TS ordena que sexa demolido por incumprir a Lei de Costas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta