Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2022 | Actualizada ás 14:08
Alcaldes dos municipios afectados polas obras de dragado da ría do Burgo pediron "celeridade" no cumprimento dos prazos previstos para a súa execución, nunha visita á zona xunto ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Este, pola súa banda, recalcou que a actividade está "a pleno rendemento para conseguir que o prazo se cumpra e sexa unha realidade a partir de 2024". A visita aos traballos de rexeneración da ría contou coa presenza da rexedora da Coruña, Inés Rey, e os alcaldes de Culleredo, José Ramón Rioboo; de Cambre, Óscar García; e de Oleiros, Anxo García Seoane, que coincidiron en destacar que esta obra responde a unha "demanda histórica" e demandaron que se cumpran os prazos establecidos.
"Pido celeridade e que non haxa demoras", esixiu o alcalde de Oleiros, quen cualificou este proxecto como "imprescidible" e cunha "importancia moi grande" para a poboación debido a que "vai unir" aos catro concellos lindeiros. A visita ás obras contou tamén coa presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o xefe de Demarcación de Costas do Estado, Rafael Eimil.
ACTUACIÓNS
As actuacións na ría comezaron o pasado mes de xaneiro. Nos primeiros meses, os traballos centráronse na construción dos recintos para o confinamento dos lodos do dragado, que se prevé que ascendan a 583.000 metros cúbicos de sedimentos.
Ademais, desde a semana pasada inxéctanse 16.000 metros cúbicos de area á praia de Santa Cristina, que gañará 300 metros de uso público.
INDEMNIZACIÓNS
Cun orzamento de 37,5 millóns de euros, 32,2 corresponden ao dragado e outros 1,6, ao programa de seguimento e control ambiental. Os 3,6 restantes están reservados para os mariscadores afectados pola paralización temporal da actividade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.