Ryanair operará servizos mínimos do 85% en agosto e do 81% en setembro en Santiago pola folga

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana establece eses servizos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comunicou a Ryanair, Aena, Enaire e aos sindicatos convocantes, USO-STA e Sitcpla, os servizos mínimos correspondentes á convocatoria de folga de Tripulantes de Cabina de Pasaxeiros (TCP) para os próximos meses, desde o día 8 de agosto de 2022 ata o día 7 de xaneiro de 2023, ambos os dous incluídos, durante as cales as xornadas de folga terán lugar semanalmente de luns a xoves.

Avións de Ryanair
Avións de Ryanair | Fonte: Europa Press.

No caso de Galicia, o Goberno central estableceu uns servizos mínimos do 85% en agosto e do 81% en setembro no aeroporto de Santiago de Compostela, o único que resulta afectado pola folga.

Pola súa banda, en outubro, novembro e decembro os servizos mínimos serán do 79%, mentres que nas datas de Nadal ascenderán ao 82%.

Tal como indicou o Executivo central, estes servizos esenciais teñen como obxectivo compatibilizar o interese xeral dos cidadáns "e en particular as súas necesidades de mobilidade, co dereito de folga deste colectivo de traballadores".

En xeral, os servizos mínimos decretados aplicaranse ás operacións aéreas de transporte público operadas por Ryanair (con tripulantes de cabina de pasaxeiros pertencentes ás empresas Ryanair, Crewlink e Workforce), con orixe ou destino nos aeroportos de Madrid, Málaga, Barcelona, Alacante, Sevilla, Palma de Mallorca, Valencia, Xirona, Santiago de Compostela e Eivissa.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana fixou que os servizos mínimos que poden alcanzar ata o 85% dos voos programados no caso das rutas domésticas cara a ou desde territorios non peninsulares.

Para os servizos para cada ruta con cidades españolas peninsulares e estranxeiras, cuxo medio alternativo de transporte público signifique un percorrido cun tempo de desprazamento igual ou superior a cinco horas, as porcentaxes oscilan entre o 36% e 60%, dependendo dos meses e do aeroporto.

Para as rutas con cidades españolas peninsulares cuxo medio alternativo de transporte público signifique un percorrido cun tempo de desprazamento inferior a cinco horas, o aeroporto de Barcelona terá entre un 34 e un 38% de protección dos voos. Para o resto dos aeroportos, no caso de rexistrarse voos deste tipo, o Ministerio estableceu unha protección similar á de Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta