A Xunta inviste 900.000€ en "contidos web sobre saúde" en plena saturación da atención primaria

Os sanitarios piden máis profesionais para facer fronte á entrada de pacientes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2022 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A Xunta licitou esta semana o desenvolvemento e posta en marcha de diversos contidos web, experiencias de realidade mixta e a creación dunha aplicación co obxectivo de dixitalizar a promoción da saúde e crear contidos que fomenten estilos de vida saudables, cun orzamento basee que rolda os 965.000 euros. Todo nun momento en que os sanitarios galegos demandan máis profesionais para poder facer fronte á saturación do sistema, particularmente visible na área do Salnés.

Esta contía está composta por fondos do Feder React-UE máis propios do Goberno galego e, segundo especifícase na resolución, os traballos divídense en catro fases que van desde o 2022 ata 2024. Entre as accións a desenvolver, contémplase a creación de contido que favoreza a gamificación, tales como xogos, vídeos e outras ferramentas interactivas.

En total, a actuación da Consellería de Sanidade componse de catro ámbitos: alimentación saudable, actividade física, benestar emocional e hixiene do soño e condutas aditivas. Cada un destes ámbitos acollerá diversas propostas.

Os contidos que se xerarán a través deste novo contrato uniranse a outros recursos que a Xunta puxo a disposición dos galegos nos últimos anos. Así, desde o ano pasado, funciona 'Xanela Aberta á familia', un sitio web con información útil sobre a saúde materna, infantil e xuvenil.

Doutra banda, en 2021 tamén se presentou o 'ABC do consello alimentario na infancia', unha guía con recomendacións e pautas beneficiosas para a saúde. Estas iniciativas desenvólvense no marco do proxecto europeo 'Riscar', un programa de colaboración entre as administracións competentes de Portugal, Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa xerenta do Sergas, Estrella López-Pardo /  Xunta de Galicia / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto coa xerenta do Sergas, Estrella López-Pardo / Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta