Vou arriscar

“Se aínda está na súa cabeza, é porque vale a pena arriscar.” Paulo Coelhov

Por Fermín Paz | As Pontes | 12/08/2022

Comparte esta noticia
A pandemia e o que aínda queda pendente, a guerra en Ucraína, a escalada de prezos da enerxía e dos produtos básicos, o lume, a seca e as diferentes afectacións climáticas, a tensión no comercio mundial e a escalada entre as dúas principais potencias económicas e militares do mundo, deixan un panorama de fatiga mesmo nas democracias. O incremento da pobreza, dos niveis de desigualdade e do medo están a crear un contexto  no que se vai desenvolver o comportamento electoral e os cambios neste ciclo co seu epicentro no remate do 2023 e ate o 2025, terán moito calado e favorecerán previsiblemente á dereita, non tanto por méritos propios senón por demérito dos contrarios. 
 
A desconfianza vai a máis no seo da sociedade e afectará practicamente a todas as institucións e tamén as organizacións políticas. Non é un fenómeno novo que desvaloricen a democracia como réxime político. Dito comportamento electoral, xa foi observado e analizado, en circunstancias semellantes,  noutros territorios.
 
O novo ciclo político vai ter máis dunha sorpresa. Nas eleccións xerais do Estado imos ter un novo debate, o instrumento das coalicións na esquerda para poder manter a gobernanza do Estado. Será moi clarificador e non só por dita cuestión, senón tamén polo que vai supor nas posicións duns e outr@s no proceso electoral autonómico galego. A miña teima, que non é nova, levoume hai tempo á conclusión que, na nosa terra, dito proceso non vai desenvolver cunha secuencia lóxica na dicotomía esquerda-dereita.
 
Dou por certo as seguintes premisas de partida:
 
- O PP vai ser o partido máis votado;
 
- O BNG vai quedar en segunda posición;
 
- O PSOE de terceiro, e nin aquí nin no Estado vai a estar disposto a ningunha coalición electoral salvo que, @s propoñentes se integren na súa lista e coa súa sigla, aínda que logo poñan na papeleta algunha nota para diferenciarse, por exemplo “ marciano”
 
 
E xa que me metín na bouza, vou arriscar coas seguintes previsións:
 
Primeira. - Se o PP acada @s 38 (só ou sumando con Vox no caso de ter representación), ou máis representantes, gobernará e se chove que chova.
 
Segunda. - No caso de que os demais contendentes obteñan a maioría, tal situación faría posible unha reconfiguración no Parlamento Galego e, como consecuencia, un novo goberno na Xunta de Galicia. De producirse este suposto, o sumatorio das representacións do BNG+PSOE+X (representación obtida con calquera nome apoiada por Podemos, Iolanda Díaz, as Mareas ou outr@s da pola nacionalista-progresista), teño o convencemento de que o PSOE vai deixar gobernar o PP, mesmo en minoría, denantes de que o Bloque chegue á Presidencia da Xunta.
 
As razóns, terán diversa causalidade. Ademais das do comezo do artigo falarei dalgunhas outras. É posible que o PSOE siga profundando na súa crise e logo da perda electoral no Estado precisará dunha reconsideración interna dos feitos, coa posibilidade que a maioría da organización aposte e vaia a unha maior recentralización, facendo fincapé na necesidade de empurrar de novo cara ao bipartidismo e nese escenario, é previsible un maior entendemento co PP a medio prazo aínda que, no comezo da nova lexislatura asístamos a unha certa desestabilización como consecuencia dos axustes esixidos no marco europeo e na dinámica internacional. Só teñen disposición a conformar un goberno alternativo se teñen a Presidencia e a maioría do poder. Os casos Catalán e Vasco esixen unha análise diferente, ben pola necesidade de atopar apoios na conformación do Goberno do Estado Español ou se acaso pola xestión dunha maioría parlamentar que terme da xestión do Executivo. Na dialéctica histórica destas nacións ás veces agroma certa insubmisión na autonomía, nos liderados e na estrutura organizativa.
 
No caso galego, "xuntase a fame coas gañas de comer" xa que a autonomía sempre estivo en mans do españolismo, os liderados tiveron lealdade a Madrid e a organización foi seguidista do centralismo. O que vou afirmar agora ten pouca credibilidade pola situación na que atopamos e mesmo debuxa unha pequena escandaleira política. Tal e como están as cousas e independentemente dos acordos (PSOE-BNG) en certos Concellos e Deputacións, acredito máis nun acordo nebuloso entre o PP e PSOE que lles permita garantir unha interlocución preferente desde a “oposición” con Rueda cara a manter algunhas das súas "leiras" que, darlle a Presidencia da Xunta ao Bloque. Cando chegue o tempo, das negociacións xa falaremos e aínda por riba, farán campaña para desacreditar o máximo posíbel ao nacionalismo. Se as miñas sospeitas teñen confirmación espero de quen afirmaba nas súas análises, doutros tempos, "o PSOE, .... é obxectivo secundario, a enfrontar unha vez desprazado o PP da hexemonía social e política do País…..sen caer na tentación simplificadora de consideralos iguais”, algunha revisión.
 
Os avances dependen en boa medida dos feitos que as veces, non aparecen na historia nin falan deles os liderados dos diferentes tempos, nin quen falamos nos artigos ou escritas de calquera formato. Cantas intrahistorias podemos atopar nos labirintos de calquera proxecto colectivo. Erros e mais acertos, conforman a vida, así é a dialéctica. Teño moi interiorizado este concepto. Para que, as cousas, foran, vaian, indo a mellor débese en parte a aquel@s que fixeron unha vida pouco estrelada ou sen moitos recoñecementos, mais sen base ás dirixencias non terían, ni teñen futuro. Por iso, eu afirmo que tod@s temos algo de responsabilidade en consentir ou ser permisivos e acríticos cos egos nas organizacións, porque sempre levan a falla de humildade e moi a miúdo, ao exercicio da soberbia.
 
Dádelle as voltas que queirades pero tod@s deberamos saber que, para mudar a situación do nacionalismo galego, temos poucas posibilidades sen deseñar algo novo sen fratricidios e sen dogmas. Agora ben, tamén podemos conformar cos resultados ou seguir a laiarse. Dentro das Irmandades da Fala coexistiron dúas tendencias políticas principais, unidas só pola definición nacionalista e tiñan moitas diferencias Aínda que sexa unha evidencia vou repetilo, non existe unha patente do nacionalismo galego e ninguén está acreditado para dar licenza de bo ou mal nacionalista mais tamén é unha obviedade que, Galiza precisa de tod@s nós, necesita dunha nova fronte común e xa sabedes o que penso eu deste concepto: aquelo que non é nunca só noso, senón tamén doutras persoas, doutros colectivos....., é unha esixencia tamén de comprensión, de interlocución, de construír cos demais. Ou facémolo así ou mais cedo que tarde, afundiremos tod@s.
 
A Posición Soto, e outras mesmo antes, da súa concreción, xa foron fundamento e argumento nas liortas e desacougo na etapa posReboiras. Quen guste dos croios dialécticos que siga turrando. O pasado foi, é, moi condicionante para atopar unha saída a esta dinámica de enrrocamento continuo nas organizacións políticas e sociais galegas e tamén nas persoas que acreditamos nunha Galiza dona de seu. O presente non é mellor, a dinámica de hoxe é só cuantitativa e queiramos ou non, está encadrada no marco político do Estado e da Europa Comunitaria co obxectivo exclusivista de situarse por enriba no confronto electoral ou de manexar o temón. Describilo con máis sutileza ou con poética non amaña ningún dos problemas. De todos os confrontos nacionalistas, para min, o de Amio foi de pouca ou ningunha calidade. Nada novo despois, nin nas Mareas (posición Soto revisada para hexemonizar a esquerda e nacionalismo), nin no BNG (obxectivo recuperar a posición dominante no nacionalismo). Ao feito, peito. O partido popular chegou aos 42 representantes.
 
Máis adiante, seguimos falando e se non acerto nas miñas previsións, mellor. Logo de que se celebren tamén farei o meu análise e daquela seguro que non teño erros, cando menos nos resultados.

Votación nunha urna - Arquivo
Votación nunha urna - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.