Incendios sen control arrasan 1.400 hectáreas do macizo central e ameazan o teixedal de Casaio

O alcalde de Laza avisa de que o incendio "se está desmadrando".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2022 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Os incendios forestais nos municipios ourensáns de Laza, Chandrexa de Queixa e Carballeda de Valdeorras continúan co seu avance sen control, de forma que case triplicaron a superficie arrasada en tan só unhas horas na mañá deste mércores, polo que xa queiman en conxunto unhas 1.380 hectáreas.

Segundo a última actualización provisional da Consellería de Medio Rural, no municipio de Laza arderon unhas 740 hectáreas. O lume iniciouse na noite do martes na parroquia de Camba. En declaracións a Europa Press, o alcalde de Laza, José Ramón Barreal, explicou que a situación "se está desmadrando", cun lume que "pinta mal" e avanza pola serra en Camba.

Pasadas as 13,00 horas, apuntaba que o "vento do norte está a tirar forte", aínda que polo momento só afecta a monte do Macizo Central, nunha zona sen vivendas en perigo, pero ao ritmo ao que avanza pode ser "fácil que se achegue a algún pobo".

E é que a pesar de que traballan medios aéreos, hai unha "fronte moi ampla" de lume que "non ten fácil solución". O rexedor de Laza opina que será necesario "anticiparse" coa creación dalgún cortalume que poida frealo.

O lume en Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa, iniciouse na tarde do martes e xa queima unhas 200 hectáreas. No caso de Carballeda de Valdeorras, que comezou na parroquia de Casaio, permanece activo e calcina 440 hectáreas.

Pola súa banda, o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, avisa de que o lume "está a crecer bastante" con forte vento. Pon de exemplo que pola mañá no pobo alcanzábanse "os 42 quilómetros por hora no pobo". "Non quero imaxinar a que velocidade sopra no monte", agrega. Polo momento, descarta que o lume entrase de novo no parque natural do Invernadeiro.

Por último na provincia de Ourense, o foco de Verín continúa baixo control. A Xunta apunta que se iniciou en máis dunha de decena de focos diferentes e informa de que arrasou unhas 600 hectáreas. Alí destináronse 12 avións e 12 helicópteros, entre outros medios.

OUTROS LUMES

Noutra orde de cousas, o Goberno galego desactivou a Situación 2 de alerta por proximidade a vivendas no incendio das Pontes de García Rodríguez, que se decretou o pasado martes a última hora pola proximidade das chamas ao núcleo de Cuíña. Foi estabilizado esta mañá tras queimar unhas 105 hectáreas.

O concello coruñés rexistraba outro foco ás 22,59 horas que, con todo, quedaba estabilizado ás 7,16 horas deste mércores. Iniciado na parroquia de Vilavella, queimou 60 hectáreas.

O outro incendio na provincia da Coruña é o do Barbanza, que non rexistra cambios --permanece estabilizado desde o luns--. O lume iniciábase o pasado xoves na parroquia de Cures, en Boiro, con afectación tamén aos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este lume é o de maior superficie calcinada no mes de agosto en Galicia, con 2.200 hectáreas ardidas. A Xunta informou de que orixinou na cheminea dunha vivenda en Boiro

Un avión de extinción de incendios traballa na extinción do incendio iniciado en Galicia. Foto de arquivo.. César Argina - Europa Press
Un avión de extinción de incendios traballa na extinción do incendio iniciado en Galicia. Foto de arquivo.. César Argina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Carlos Xunqueira de Ambía

Onde está o 'Comando Manguerita'?