A Xunta aproba o decreto que regula a venda de produtos agroalimentarios

Os agricultores galegos poderán vender directamente os seus produtos primarios ao consumidor final. Ao tempo créase, dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), unha sección para inscribir as explotacións acollidas ao réxime de venda directa e establécense as condicións que deberán cumprir as explotacións para realizar esta actividade.

Por GCAgro | Santiago de Compostela | 09/09/2014 | Actualizada ás 21:17

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta ven de aprobar o decreto polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Así, os agricultores galegos poderán vender directamente unha serie de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final, respectando o establecido por esta norma.

Poderán venderse directamente, nas cantidades máximas establecidas no decreto, os seguintes produtos: mel, pole, própole, xelea real, ovos, froitas e froitos silvestres, legumes e hortalizas, cogomelos e cereais, sempre producidos na explotación da persoa vendedora (agás no caso dos cogomelos silvestres), podendo realizar a venda in situ (na propia explotación produtora), en mercados ou a establecementos de venda polo miúdo.

A venda poderana realizar directamente as persoas titulares da explotación ou parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou en establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, sempre que a transacción sexa directamente entre o produtor e o establecemento de venda final, sen intermediarios.

Os agricultores proporcionarán por medio dunha etiqueta a información alimentaria obrigatoria. No caso de transaccións efectuadas con establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, a etiqueta poderá substituírse por un documento comercial en que figure a información preceptiva. No caso de vendas in situ a etiqueta non será necesaria e poderá substituírse pola información oral transmitida polo produtor.

A través deste decreto regúlase tamén, dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA),a creación dunha sección específica para inscribir as explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI), definíndose os requisitos que deberán cumprir os produtos, as formas de venda e as cantidades máximas que se van comercializar por estas vías.

Para realizar venda directa haberá que estar inscrito no REAGA

As explotacións que desexen realizar venda directa deben figurar inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e comunicar a súa vontade de realizar a venda directa dos seus produtos, sendo entón inscritas de oficio na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa. As ditas explotacións levarán un rexistro básico en que figuren os datos das vendas.

Con esta regulación preténdese ofrecer unha canle legal axeitada a unha situación xa existente de feito, como é a venda directa (entendida esta como a venda sen intermediarios, ou se é o caso,coa participación dun único intermediario minorista) de determinados produtos agrarios dos produtores aos consumidores finais.

A regulación desta práctica realízase sen menoscabo das garantías de seguridade alimentaria que demandan as persoas consumidoras, e está en liña coas actuais orientacións da política agraria da Unión Europea, proclives ao fomento das cadeas curtas de distribución, máis respectuosas co medio (menor impacto da “pegada de carbono”) e favorecedoras do desenvolvemento rural xa que o valor engadido xerado repercute directamente no produtor, e polo tanto, permanece no territorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta