Arde Galicia- Case 3.000 hectáreas consumidas nun día de incendios descontrolados

O macizo central ourensán moi afectado e as lapas ameazan unha das maiores reservas do teixo en Europa, o teixedal de Casaio. Extinguido o incendio de Verín, con 600 hectáreas queimadas, e estabilizado o de Valdeorras, con 440.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

A situación mellora na provincia de Ourense onde, segundo informou Medio Rural, extinguiuse o incendio que afectaba a Verín --que calcinou unhas 600 hectáreas-- e deuse por estabilizado o de Carballeda de Valdeorras, que afecta polo momento a 440 hectáreas.

Tal e como recolle o último parte facilitado pola Consellería, o iniciado na parroquia de Verín --en máis dunha decena de focos diferentes-- foi apagado ao redor das 23,00 horas. Tamén sobre esa hora deuse por estabilizado o valdeorrés, que se orixinou en Casaio. Cunha afectación de 440 hectáreas aproximadas, traballan na zona un técnico, 10 axentes, 32 brigadas, 11 motobombas, dúas pas, nove avións e oito helicópteros.

Ademais, na provincia ourensá continúa activo o foco de Chandrexa de Queixa, que queima unhas 200 hectáreas e onde se destinaron un técnico, 12 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, unha pa, 11 avións e sete helicópteros.

A este súmase o de Laza, iniciado na parroquia de Camba, e que rexistra a maior queima polo momento: 1.350 hectáreas estimadas. Na zona traballan 14 axentes, 27 brigadas, 18 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, dous avións e tres helicópteros.

Para ambos os focos --Chandrexa e Camba-- xa foi desactivada a Situación 2 por proximidade a núcleos urbanos, activada durante a tarde-noite deste martes.

SITUACIÓN 2 NO RIBEIRO-ARENTEIRO

Onde permanece aínda activa, como medida preventiva, é no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro pola proximidade dos incendios de Boborás e O Irixo, ambos os activos aínda que "con avances nas liñas de control cara á súa estabilización".

Sinala Medio Rural que os lumes de Boborás e O Carballiño pasaron a considerarse varios focos dun mesmo incendio, que queima unhas 120 hectáreas e cuxo orixe se situou na parroquia de Asturenses. Alí traballan un técnico, cinco axentes, 11 brigadas, 10 motobombas, dúas pas, dous avións e catro helicópteros.

Ao incendio do Irixo, iniciado na parroquia de San Cosmede de Cusanca e que afecta a unhas 450 hectáreas, destináronse dous técnicos, nove axentes, 38 brigadas, 28 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, oito avións e 11 helicópteros.

A circulación ferroviaria, que foi interrompida este mércores entre O Irixo e Lalín pola proximidade de varios focos incendiarios á vía, foi restablecida de madrugada.

OUTRAS PROVINCIAS

Doutra banda, na provincia da Coruña, a situación non rexistra grandes cambios. Continúan baixo control os dous focos das Pontes de García Rodríguez, nas Pontes propiamente --cunha afectación de 105 hectáreas-- e na parroquia de Vilavella --con 60 hectáreas queimadas--.

O orixinado en Boiro, na parroquia de Cures, permanece estabilizado coa maior superficie arrasada polo momento, 2.200 hectáreas.

En Pontevedra xa se extinguiu o único foco que quedaba activo na provincia, o de Ponte Caldelas --orixinado na parroquia de Xustáns--. Segundo informa Medio Rural, foi extinguido pasadas as 23,00 horas e queimou unha superficie estimada de 380 hectáreas.

Vista do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press
Vista do incendio, a 10 de agosto de 2022, en Laza / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta