A Xunta pecha escolas no rural por "falta de matrículas"

Sostén que o próximo curso haberá 130 aulas máis que antes da pandemia e a CIG denuncia que pecha 59.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Debido á falta de matriculas", a Xunta comunicou a supresión do colexio CEIP de Sillobre, no municipio coruñés de Fene --tres matriculas-- e o CEIP de Merza, en Vila de Cruces --ningunha matricula rexistrada--. Tanto nos casos de supresión como nos de integración de centros, a Consellería asegura que estas decisións son "froito do consenso das comunidades educativas e das administracións locais respectivas".

Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela, durante o primeiro día do curso escolar 2021-2022 / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Ademais, O Diario Oficial de Galicia (DOG) dá conta da modificación do catálogo de unidades tamén se recolle a integración da EEI Nosa Señora do Carme, do Concello de Marín, no CEP de Sequelo-Marín, do mesmo municipio, así como da EEI Vagalume, en Vilagarcía, que se integra no CEIP Arealonga da mesma localidade.

MÁIS AULAS

Con todo, a Xunta defende que o próximo curso que comeza en setembro haberá 130 aulas máis de Infantil e Primaria que antes da pandemia "a pesar de rexistrarse un descenso de case 9.200 alumnos menos matriculados nestas etapas neste período". Mentres, a CIG denuncia que, segundo a orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) da modificación do catálogo de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería, a administración autonómica "pecha un total 59 unidades".

Segundo detallou o departamento que dirixe Román Rodríguez, o curso que comeza en setembro contará cun total de 7.581 aulas de Infantil e Primaria en funcionamento, o que supón "130 aulas máis que as 7.451 do curso 2019/20". En canto ao número de alumnos, segundo os datos trasladados pola Xunta, no curso 2019 había en Galicia 137.275 alumnos en Infantil e Primaria, mentres que para o próximo curso hai matriculados 128.081, 9.184 menos.

Con esta distribución de unidades e a dotación de "todo o profesorado necesario para atendelas", a Consellería considera que "se dá resposta ás necesidades dos escolares matriculados no sistema público" en Infantil e Primaria.

ALUMNOS POR AULA

Por outra banda, o Goberno galego insiste en que mantén tamén "os cocientes establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria, de 25 alumnos por aula".

De feito, puntualiza, "en Galicia o 70% das aulas destas etapas teñen 20 alumnos ou menos" e, delas, "o 30% teñen 10 ou menos alumnos". A isto, engade, Galicia mantense "nos postos de cabeza" no relativo ao cociente alumno/profesor, cunha media de 10,2 estudantes por cada docente, tan só por detrás de Estremadura e á vez que Cantabria e Asturias, mentres que a media nacional é de 12.

59 AULAS MENOS, SEGUNDO A CIG

Por outra banda, o sindicato CIG denunciou que, en base aos datos recollidos no DOG este venres, a Consellería "suprime 33 unidades en Educación Infantil e 26 en Educación primaria", o que supón un total de 59 unidades menos.

Deste xeito, a central sindical critica que, con estas 59 unidades menos, hai "case 100 docentes menos no sistema educativo galego nos niveis de Infantil e Primaria". Para a CIG, isto demostra que a Consellería "segue adiante coa política de desmantelamento da educación pública" e que "antepón criterios economicistas á calidade da educación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta