Desarticulado un grupo criminal dedicado ao tráfico de estupefacientes que operaba en Ourense

Foron detidos catro integrantes do grupo, que tamén contaba con infraestrutura en Madrid e Granada.

Por E.P. | Ourense | 12/08/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Policía Nacional desarticulou un grupo criminal que se dedicaba ao tráfico de estupefacientes e que contaba con infraestrutura en diferentes cidades españolas, entre elas Ourense, Madrid e Granada.

Segundo relatan nun comunicado, en 2021 o Grupo Operativo deEstupefacientes dependente da Brigada Provincial de Policía Xudicial da comisaría ourensá, tivo coñecemento da existencia dunha organización criminal que se podería estar a dedicar ao tráfico de sustancias estupefaciente na cidade das Burgas.

Tras as primeiras pescudas, foron conscientes da existencia de "unha gran infraestrutura", situada no barrio do Couto desta cidade, formada por varias vivendas e garaxes, así como diferentes empresas do ámbito da automoción e o lecer, ao servizo da organización.

Comprobaron ademais que contaban cunha rede de transporte e distribución de sustancias entre as provincias de Granada-Madrid-Ourense, sendo o destino final da mesma esta última localidade, para a súa posterior repartición.

O 10 de agosto, explican, a mencionada Brigada, co apoio das Brigadas Provinciais de Seguridade Cidadá de Madrid e Ourense, planificou o desenvolvemento e execución dun dispositivo policial, que se saldou coa detención de tres integrantes da organización criminal na cidade de Ourense, e un en Madrid.

Ademais, durante o desenvolvemento do dispositivo interceptouse un dos envíos, un alixo de 7,5 quilogramos de cocaína, oculta nun dos vehículos do grupo criminal. Nese momento procedeuse tamén á detención de dúas das persoas integrantes do mesmo.

Igualmente, executouse o rexistro das vivendas e garaxes sinalados, onde se incautaron de instrumentos para a pesada e distribución da droga, ademais de diverso material informático e de telefonía.

Incautada cocaína e outras drogas en Ourense / POLICÍA NACIONAL / Europa Press
Incautada cocaína e outras drogas en Ourense / POLICÍA NACIONAL / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta