Denuncian á Xunta pola súa "inacción" na loita contra os incendios forestais

A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' acusa a Medio Rural de ter esquecido os traballos de limpeza deste 2022 e de non reaccionar "en tempo" aos primeiros lumes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A vaga de lumes que golpea Galicia este verán --a máis extensa dende que hai rexistros-- podería traer consecuencias legais para a administración autonómica. A plataforma ecoloxista Por un Monte Galego con Futuro vén de anunciar que leva á Xunta de Galicia ante a Fiscalía para denunciar o seu "desleixo" no tocante aos incendios que calcinaron miles de hectáreas de monte nas últimas semanas. 

José González, en novembro de 2020. CONCHI PAZ
José González, en novembro de 2020. CONCHI PAZ | Fonte: MEDIO RURAL, PSDEG, TERRAS AGRÍCOLAS

A plataforma, conformada por diversas asociacións entre as que se conta a Federación Ecoloxista Galega ou Ecoloxistas en Acción, explican que presentaron a denuncia ante a "inacción" da Xunta e, en particular, da Consellería de Medio Rural ante os lumes que consumiron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadeiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro e Arenteiro, entre outros.

O desleixo apuntado por estas plataformas focalízase no feito de que, segundo explican, o dano producido polos incendios forestais "agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe". "Apenas se executou parte do Plan de prevención de incendios forestais presentado o 5 de maio de 2022 polo entón Presidente da Xunta de Galicia don Alberto Núñez Feijóo, cun orzamento de mais de 180 millóns de euros, que entre outras partidas, tiña previsto un investimento de 33 millóns de euros para prevención e intervir en 58.000 hectáreas de montes, 58.000 quilómetros de pistas...", inciden. 

Ademais, sosteñen, o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido "moito menor" de activarse todo o operativo de Tempada de Máximo Risco de Incendios tal e como establece o plan de prevención para este 2022. "Tendo en consideración a situación de alarma por risco extremo de incendio forestal, debíase ademais adoptar as medidas complementarias establecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español", explican.

 

Todo isto porque, de acordo coas mesmas fontes, “os indicadores diarios de incendios forestais permitían vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais como así lamentablemente pasou a partires do 14 de xullo”, subliña Xosé Santos, voceiro da Plataforma. “Logo, producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes co fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”.

A plataforma agarda que a Fiscalía abra unha investigación ante o "enorme prexuízo" causado polo que xulgan o desleixo da Xunta. "Xa que ademais do grave dano causado nos montes e ecosistemas de máis valor de Galicia, arrasando coa flora e fauna e afectando aos acuíferos e ecosistemas fluviais, tamén houbo unha perda de vivendas, instalacións e danos nas infraestruturas, fortes perdas económicas e sociais que poñen en risco a sustentabilidade e o futuro das bisbarras afectadas".  Da mesma forma, explican, tamén solicitaron á Valedora do Pobo que actúe de oficio e investigue en profundidade a actuación do goberno galego na prevención e extinción dos incendios forestais para o esclarecemento das responsabilidades penais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta