O Sergas defende non enviar unha ambulancia á falecida en Baltar e nega falta de medios

Defensa da Sanidade Pública considera "moi grave" o sucedido, que identifica con "recortes" na sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2022 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O Sergas incide en que a decisión de non enviar unha ambulancia a unha muller que, posteriormente, faleceu no Punto de Atención Continuada de Baltar, en Sanxenxo, se baseou no criterio dos profesionais sanitarios que "entenden que non é necesario mobilizar" este recurso en función dos datos achegados na chamada ao 061. "É imprescindible recalcar que en ningún caso se trata dun problema de falta de medios", sostén.

Así o traslada o Sergas a Europa Press en relación a un caso que investiga o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, xa que na chamada de alerta non se detectaron "criterios de gravidade". "A pesar da información achegada telefonicamente ao 061, a muller chega á PAC xa falecida e nun estado de importante deterioración", explica o Sergas. Engade que "a chegada ao centro, ademais, demórase dúas horas desde a chamada".

Así mesmo, dado que é un caso xudicializado, apunta que "é importante deixar que sexa a xustiza quen dirima as circunstancias do falecemento".

Tal e como apunta o Sergas, a alerta produciuse pasadas as 21,00 horas do pasado seis de agosto e, "tras a consulta, o médico do 061 determinou a ausencia de criterios de gravidade", polo que recomendou que a paciente fose trasladada "polos seus medios" á PAC de Baltar para ser recoñecida de forma presencial, e non nunha ambulancia, algo ao que accedeu a súa parella, afirman.

O denunciante é, precisamente, a parella da muller. Segundo a súa versión dos feitos, a súa muller empezou a atoparse mal sobre as 14,00 horas do 6 de agosto, empezou a vomitar e non era capaz de camiñar, presentando insensibilidade nas pernas.

Sobre as 21,00 horas dese mesmo día, o seu marido contactou por teléfono co 061 para requirir asistencia sanitaria e desde o servizo de emerxencias respondéronlle que, nese momento, non estaba dispoñible ningunha ambulancia que puidese realizar o traslado. Así, recomendáronlle que o fixese el mesmo se a súa esposa non tiña febre.

Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular á PAC de Baltar, onde morreu mentres el estaba a aparcar.

"MOI GRAVE" MORRER SEN ATENCIÓN

Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública considera "moi grave" que unha persoa morra sen atención, "a pesar de demandar asistencia sanitaria".

"Este novo e dramático episodio vén confirmar as consecuencias da falta de recursos de atención primaria, do servizo de ambulancias e do sistema sanitario público galego, sometidos aos recortes dos últimos anos", lamenta.

Remarca que tanto o centro de saúde como a PAC de Baltar "teñen graves problemas de recursos e de asistencia", que foron denunciados recentemente.

Ambulancia con picado en Galicia. FEGAM - Arquivo
Ambulancia con picado en Galicia. FEGAM - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta