Detectados dous casos de sarna na residencia DomusVi de Monforte de Lemos

Están a ser tratados e en illamento. CCOO denuncia "pasividade" da empresa.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 19/08/2022 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A residencia DomusVi de Monforte de Lemos detectou dous casos de sarna, que actualmente están a ser tratados e en illamento, segundo informaron desde a entidade a Europa Press. Nun comunicado, a residencia sinalou que seguen "estritos protocolos de hixiene e limpeza" e que contan co persoal "requirido" para poder realizar esas funcións, así como cos produtos necesarios para iso.

Residencia Domusvi en Monforte de Lemos
Residencia Domusvi en Monforte de Lemos | Fonte: Google Maps.

Ademais, sinalaron que cando detectaron "posibles sintomatoloxías" compatibles con esta enfermidade, desde o centro contactaron co servizo de epidemioloxía e levaron a cabo o protocolo de actuación ante estes casos.

En contraposición, nun comunicado, o sindicato Comisións Obreiras denunciou a falta de persoal e medios e criticou a "pasividade" da actitude da empresa para facer fronte a esta situación.

Desta forma e segundo CC.OO., desde hai máis dun ano "falta persoal de enfermaría na quenda de noite", ao que engadiron que "chegou a haber máis de 48 horas sen presenza efectiva".

A maiores, o sindicato asegurou que hai "falta de material básico como luvas, produtos de hixiene, roupa de cama ou produtos de limpeza" ao que engadiron que "pode chegar a pasar unha semana sen que haxa produtos de desinfección na lavandaría do centro".

CC.OO. sinalou que xa puxeron "estas deficiencias" en coñecemento da Xunta o pasado mes de xullo. Ademais, sinalaron que, a raíz do gromo de sarna, tiveron xunto co servizo de prevención unha reunión coa dirección da residencia para "esixir medidas urxentes", aínda que a situación segue "sen cambios", afirman.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta