Denuncian que o Sergas deixa sen atención pediátrica o centro de saúde de Conxo ata setembro

Trátase dunha situación que se "repite sistematicamente" a pesar das reclamacións da veciñanza, lamenta a Asociación de Pacientes e usuarios do CHUS.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2022 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e usuarios do CHUS denuncia que o Centro de Saúde de Conxo carece de servizo programado de pediatría dende o pasado 17 de agosto e ata o vindeiro 2 de setembro. "Esta situación vén repetíndose sistematicamente ano tras ano, sen que as reclamacións presentadas polos usuarios atopen resolución", lamentan nun comunicado.

Pediatra na consulta cun bebé
Pediatra na consulta cun bebé | Fonte: BAYER - Arquivo

Xa no ano 2018, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciara publicamente as demoras de máis dun mes que se viñan producindo na atención ás crianzas polo servizo de pediatría do centro de saúde de Conxo, o que "dificultaba pasar as revisións de idade nos tempos establecidos". Tamén no ano 2021 o servizo programado se suspendeu durante máis de tres meses, asegura a asociación.

A día de hoxe, segundo explica, o centro non só non foi dotado con máis medios humanos, senón que a xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza e o Sergas suspendeu durante máis de dúas semanas o servizo, que mantén só a atención urxente con persoal contratado a tempo parcial.

A asociación informa de que o pasado 17 de agosto de 2022, Marcos Salgado, pai dunha nena adscrita ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Conxo, presentou unha queixa para reclamar unha "atención pediátrica continuada" para as persoas usuarias do citado centro por segunda vez en catro anos. Neste caso, a Dirección da Área Sanitaria "amparouse novamente na carencia de profesionais sanitarios asignados a cubrir as ausencias dos compañeiros que se atopan de vacacións".

Porén, lembra a asociación, a lei obriga o Sergas e a xerencia do CHUS a garantir a atención pediátrica continuada para toda a poboación infantil, polo que "os atrasos na asistencia por falta de persoal sanitario ou por non cubrir as vacantes temporais que se produzan vulneran un dereito fundamental do neno e incumpren a obriga de subministrar a toda a poboación as prestacións contempladas na carteira de servizos".

"Estamos ante un incumprimento dos compromisos adoptados e unha irresponsabilidade manifesta á hora de xestionar as necesidades sanitarias da poboación infantil e ante un acto de discriminación sancionado polo ordenamento xurídico por razóns dos medios dispoñibles", sentenza a asociación, que fai un chamamento a todas as familias con crianzas adscritas ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Conxo para que "denuncien a situación e se poñan en contacto coa Asociación de Pacientes para avaliar as medidas que se poden tomar conxuntamente coma afectados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta