A Xunta, "preocupada" pola prealerta de escaseza de auga: "Pasarémolo mal ata outono"

Ethel Vázquez augura que a reconstrución do Viaduto do Castro “podería levar tres anos”

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2022 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, recoñeceu que non sería "moito especular dicir que poderiamos botar tres anos sen a reconstrución total do Viaduto do Castro, da A-6". Nunha entrevista concedida a Radio Nacional Galicia, e recollida por Europa Press, a titular de Infraestruturas asegurou que non conta con ningún tipo de información sobre os proxectos construtivos, polo que solicita información "clara e certeira".

Vázquez lembrou que o viaduto é unha estrutura "fundamental" para unir a meseta e Galicia e apuntou que os desvíos habilitados "non acurtan o percorrido e supoñen ademais unha diminución na comodidade, na seguridade viaria e na competitividade".

"É por iso que solicitamos dúas cousas: claridade en informar as causas do derrube do viaduto, sobre todo tendo en conta que estivo pasado un ano e que se investiron 26 millóns de euros por unha emerxencia e o resultado foi un colapso. E doutra banda, é imprescindible información clara e un cronograma claro e certeiro sobre a reconstrución", explicou a conselleira.

PREALERTA POR ESCASEZA

Outro dos temas abordados, e o que "máis preocupa á Consellería", é a situación de seca que enfronta Galicia. "A situación nos caudais dos ríos é dos máis baixos desde que temos rexistros, e o mesmo nos encoros. A situación é grave, hai risco para o abastecemento da poboación, que pode estar comprometido en moitos puntos de Galicia", alertou.

Lembra que son moitas xa as zonas en prealerta por escaseza e pide medidas de contención e aforro no consumo de auga aos concellos, insistindo en que se trata dunha competencia municipal. Neste sentido, remarcou que a Xunta concede desde 2017 axudas para que os concellos se dotasen de plans de emerxencia municipais e para auditorías de abastecemento, que permitan identificar fugas en redes municipais e poder palialas e ás que se destinan axudas por valor de 600.000 euros.

"A seca non se resolve no momento que tes o problema. Hai que prepararse antes", apuntou Ethel sobre os plans de emerxencia. Ademais, indicou que o 1 de setembro entra en vigor a nova lei do ciclo da auga, mediante a que a Xunta se ofrece a asumir os servizos da auga naqueles municipios que así o requiran.

Á Consellería preocúpanlle as fugas nas traídas, coas que se desperdician "auga, enerxía e diñeiro". "Temos como indicadores dous datos: a media de perdas en redes de abastecemento en Galicia é do 40% e nos concellos pequenos, de menos de 10.000 habitantes, é do 60%. Son datos alarmantes", afirmou.

SITUACIÓN PREOCUPANTE NO OUTONO

"As Administracións públicas temos responsabilidade e control no consumo da auga, pero non sobre as condicións climatolóxicas. Ata outono ímolo pasar realmente mal. Eu diría que ata finais de setembro teremos problemas", avanzou. A titular de Infraestruturas recoñeceu que a choiva caída en días pasados "axudou a non agravar a situación, pero nada máis". O que necesita Galicia, asevera, é un mes de choiva moderada e continua, o que será complicado ata outono.

Ethel Vázquez insistiu en pedir ás administracións que "dean exemplo", por exemplo coas actividades lúdicas con auga. "Non nos podemos permitir ese luxo", resolveu.

Por último, a conselleira recoñeceu non ter coñecemento da petición da alcaldesa de Ribadavia de realizar un transvasamento do río Miño. Sobre isto, recalcou que sempre estarán dispostos a colaborar pero que se trata dunha decisión na que tamén teñen que tomar parte a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Ministerio de Transición Ecolóxica; ademais de ser necesaria unha autorización de Portugal.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez / Carlos Luján - Europa Press. / Europa Press
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez / Carlos Luján - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta