O BNG esixe explicacións a Rueda sobre a paciente falecida en Baltar e o "caos sanitario"

A formación nacionalista propón sacar as prazas vacantes a concurso e desenvolver carteiras de servizo propias, ademais de aumentar o orzamento en sanidade pública.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2022 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O BNG reclamou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza no Parlamento galego en relación coa morte dunha muller no PAC de Baltar, no municipio de Sanxenxo, despois de que o 061 lle negase unha ambulancia. En rolda de prensa, a portavoz parlamentaria de sanidade hospitalaria do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Iria Carreira, denunciou que "Galicia está a atravesar un caos sanitario" e cualificou de "grave e dramático" o estado da sanidade pública.

"Hai un colapso nas urxencias hospitalarias, as listas de espera están desbordadas e a atención primaria está saturada; máis de 40.000 pacientes están a esperar por unha intervención cirúrxica e o 50% dos MIR que acaban a especialidade en medicina de familia non quedan en Galicia", destacou a portavoz de sanidade do BNG.

Ademais, Carreira lembrou a situación de "bloqueo" da PAC de Moaña, que fora trasladado "provisionalmente" a Cangas pola pandemia "e segue sen recuperarse a pesar da volta á normalidade". "Esiximos unha comparecencia de Rueda no Parlamento para que de conta do que pasou en Baltar e do caos sanitario que se está atravesando en Galicia", aseverou a portavoz de sanidade.

Pola súa banda, a formación nacionalista propuxo sacar as prazas vacantes a concurso e desenvolver carteiras de servizo propias, ademais de aumentar o orzamento en sanidade pública, así crear un plan de choque específico para atallar a situación de "colapso" e acabar coa "precariedade" laboral no sector.

MORTE EN BALTAR

O caso da falecida en Baltar está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 3 de Cambados. Tal e como apunta o Sergas, a alerta produciuse pasadas as 21,00 horas do pasado 6 de agosto e, "tras a consulta, o médico do 061 determinou a ausencia de criterios de gravidade", polo que recomendou que a paciente fose trasladada "polos seus medios" á PAC de Baltar para ser recoñecida de forma presencial, e non nunha ambulancia, algo ao que accedeu a súa parella.

O denunciante é, precisamente, a parella da muller. Segundo a súa versión dos feitos, a súa muller empezou a atoparse mal sobre as 14,00 horas do 6 de agosto, empezou a vomitar e non era capaz de camiñar, presentando insensibilidade nas pernas.

Sobre as 21,00 horas dese mesmo día, o seu marido contactou por teléfono co 061 para requirir asistencia sanitaria e desde o servizo de emerxencias respondéronlle que, nese momento, non estaba dispoñible ningunha ambulancia que puidese realizar o traslado. Así, recomendáronlle que o fixese el mesmo se a súa esposa non tiña febre.

Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular á PAC de Baltar, onde morreu mentres el estaba a aparcar.

A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira
A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta