O BNG inicia unha recollida de firmas en apoio á iniciativa cidadá en defensa da Atención Primaria

A campaña comezará o vindeiro xoves, día 25, e estenderase ata o mércores 31 coa instalación de mesas ás portas dos principais centros de saúde da cidade de Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2022 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O deputado do BNG por Ourense no Parlamento de Galicia Iago Tabarés informou de que a formación iniciará nos próximos días unha campaña de recollida de firmas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da atención primaria.

"É necesario incrementar e garantir a estabilidade dos cadros de persoal para que teñan tempo de atender os pacientes e terminar coa precariedade", expuxo Tabarés, do mesmo xeito que "a necesidade de terminar coa explotación, garantir a calidade asistencial e a conciliación laboral e familiar". Motivos polos que avanzou a campaña de recollida de firmas para unha iniciativa lexislativa popular na que "se reclamará, entre outras cousas, aumentar o orzamento destinado á atención primaria".

"Hai un recorte no orzamento para a sanidade pública que a día de hoxe ten 47 millóns de euros menos dos que dispuña hai 13 anos", indicou o deputado nunha comparecencia en Ourense. A ILP pedirá aumentar ese orzamento "ata chegar ao 25%, aínda que inmediatamente as subidas só poderían ser do 2.2%, é dicir, de 200 millóns de euros".

Deste xeito, fixo fincapé en que o dereito á saúde é un fundamental e denunciou "a situación crítica" que atravesa a atención primaria e "a sanidade pública galega no seu conxunto", unha "deterioración" que, sinalou, "está máis patente nos meses de verán".

Así, afeou que "é sabido" desde hai anos que se necesitan máis profesionais, "pero non se preocuparon en cubrir todas as prazas existentes", polo que os profesionais "chegan a ter que prolongar a súa xornada para cubrir o traballo que terían que facer tres ou catro persoas", con "contratos precarios e cuns malos tratos permanentes".

Por todo iso, para o deputado é "fundamental" a posta en marcha dun "plan de retorno, captación e fidelización de profesionais", así como a incorporación de categorías novas como "psicoloxía clínica, podólogos ou traballadores sociais".

Tabarés compareceu acompañado polos concelleiros do BNG en Ourense Rhut Reza e Luís Seara, quen indicou que a recollida de firmas comezará o vindeiro xoves, día 25, e se estenderá ata o mércores 31 coa instalación de mesas ás portas dos principais centros de saúde da cidade. "Porque a sanidade é un dos alicerces básicos do estado de benestar", sostén.

Np Bng Ourense (+ Audio + Fotos) Rolda Prensa Recollida Sinaturas Ilp Atención Primaria 23.08.22. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Np Bng Ourense (+ Audio + Fotos) Rolda Prensa Recollida Sinaturas Ilp Atención Primaria 23.08.22. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta