A Deputación de Pontevedra presenta o seu Plan Estratéxico Vías Provinciais, aliñado coa Axenda 2030

O documento baséase en principios como a transparencia, a solidariedade interterritorial ou a sustentabilidade.

Por E.P. | | 23/08/2022 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, presentou este martes, xunto ao deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, o Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030 da institución provincial, aliñado coa Axenda 2030 da ONU. Trátase dun documento que asume o compromiso político e técnico de profundar no modelo provincial e que identifica 28 liñas de actuación para os próximos anos.

Entre outras cuestións, recolle o compromiso de manter un financiamento estable para completar a transformación de toda a rede provincial de estradas, que suma máis de 1.600 quilómetros. Actualmente, a Deputación inviste 18 millóns nas súas infraestruturas de comunicación e, con este Plan, asume un gasto mínimo anual dese mesmo importe para os próximos 8 anos.

Segundo precisou César Mosquera, ese financiamento inclúe todas as obras, entre as que tamén se contemplan pintados, sinalización, rozas e pavimentación, que serán "universais e sistemáticos". Así mesmo, recalcou que as actuacións de mellora e urbanización, que se fan en colaboración cos concellos, teñen unhas condicións claras: as administracións locais deben achegar entre o 20 e o 30% do financiamento, ademais dos terreos.

Mosquera puxo en valor que este documento reforzará a posición da Deputación como un "referente" no ámbito da mobilidade, e lembrou que o organismo provincial foi a primeira Deputación no Estado que puxo redutores de velocidade en 2005. Posteriormente, en 2013, foi aprobada unha ordenanza que reconvertía os viarios e o enfoque que se tiña das estradas provinciais.

En 2016 foi aprobado o Decálogo de actuacións nestas vías con criterios moi ben definidos, que puñan ás persoas "no centro das actuacións"; e logo chegou a "guía de mobilidade amable".

TRANSPARENCIA, SOLIDARIEDADE INTERTERRITORIAL E SUSTENTABILIDADE

"Hoxe é un día moi importante para nós, porque podemos dicir que, estando orgullosos e orgullosas da nosa traxectoria, asumimos un compromiso de futuro e de primeiro nivel para que a Deputación siga sendo previsible en materia de infraestruturas, sen ocorrencias nin predileccións", engadiu Gregorio Agís.

Segundo recalcou, o Plan Estratéxico está baseado nos principios de transparencia (regras claras no deseño e na relación cos concellos), solidariedade interterritorial (obras en toda a provincia), inclusión (atención preferente aos colectivos máis vulnerables), visión de xénero, sustentabilidade e futuro. Ademais, entre os obxectivos do documento figura como destacada a loita contra o despoboamento, atendendo cos mesmos criterios as 368 estradas provinciais, independentemente da súa intensidade de tráfico, "para que ninguén quede atrás".

Np Depo Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Np Depo Plan Estratéxico Vías Provinciais 2030. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta