Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 13:23
A curtametraxe galega 'ETC', dirixida por Pablo Millán, exhibirase este mes no 44 Festival Internacional de Moscova, o máis antigo do mundo despois do de Venecia, unha cita que se celebrará do 26 de agosto ao 2 de setembro. Posteriormente, chegará a certames en Berlín e Hollywood.
Esta curta, interpretado por Jorge Sieiro, está producido por Ana Lombao e o propio Pablo Millán. A obra, de seis minutos de duración, mestura imaxe real e animación. Gravada en Santiago de Compostela, 'ETC' mostra un home que vive atrapado nunha rutina sen vontade propia, nunha narración que ten tinguiduras expresionistas e trata o tema da rutina en ton satírico.
Así mesmo, a cinta chegará o 19 de novembro ao 38 Festival Internacional de Curtametraxes de Berlín-Interfilm, un dos máis importantes do continente neste formato. Proxectarase dentro do evento especial Interfilm Sound & Visions, que inclúe unha decena de pezas. Aquí, o son interpretarase en directo por bandas da escena musical berlinesa.
Igualmente, foi seleccionado na serie de proxección mensual HollyShorts nos Angeles. De tal forma, poderase ver nos famosos TCL Chinese 6 Theatres, en Hollywood. As datas aínda non están anunciadas deste evento que recolle unha selección das mellores curtas e longametraxes de todo o mundo.
E é que 'ETC' xa fora incluído como un dos semifinalistas da pasada edición do prestixioso Flickers' Rhode Island International Filme Festival, en Estados Unidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.