Un grupo de arqueólogos galegos escava por primeira vez as ruínas de Belchite

A Batalla de Belchite foi un dos grandes enfrontamentos urbanos da Guerra Civil. Ademais supuxo a internacionalización do conflicto porque nel participaron, por primeira vez, brigadistas internacionais. Algúns dos seus descendentes participan na Campaña. GC iniciará, a cargo do arqueólogo Xurxo Ayán, unha serie de crónicas desta escavación.

Por Galicia Confidencial | Belchite | 17/09/2014 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Un proxecto hispano-británico liderado polo profesor e investigador do CSIC Alfredo González Ruibal comezou a escavar estes días, e por primeira vez en 77 anos, as ruínas de Belchite Viejo, o pobo aragonés coñecido pola "Batalla de Belchite" e que supuxo a internacionalización a Guerra Civil Española.

As ruínas de Belchite Viejo, destruído durante a Batalla de Belchite
As ruínas de Belchite Viejo, destruído durante a Batalla de Belchite

O obxecto deste proxecto é realizar unha primeira aproximación a esta paisaxe bélica desde unha perspectiva arqueolóxica. Nesta localidade tivo lugar unha das grandes batallas urbanas da Guerra Civil e a que algúns historiadores din que foi tamén o prólogo do que serían as grandes batallas da Segunda Guerra Mundial.

"O obxectivo xeral concrétase en tres liñas: a produción dunha base empírica a partir de escavacións, prospeccións e aplicación de tecnoloxía 3D, o desenvolvemento dun programa de arqueoloxía pública para a difusión dos restos da guerra e a posguerra en tanto que patrimonio cultural, e a reflexión sobre as formas de xestión adecuadas para o devandito patrimonio", comentan os impulsores desta escabación.

O proxecto está dirixido por Alfredo González Ruibal e por Salvatore Garfi (University of East Anglia). As escavacións contarán con voluntarios procedentes de diversos países entre os que se atopan descendentes directos de brigadistas internacionais que combateron no Exército da República.

De feito, esta batalla foi a primeira gran batalla da guerra na que participaron os divisionarios. Estaban ao mando de "Walter" (Karol Swierczewski), na 35ª División, que incluía a XV Brigada Internacional (británicos, canadenses e americanos)

Nesta escavación tamén participa o Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Facultade de Letras da Universidade do País Vasco, co arqueólogo Xurxo Ayán ao fronte. Precisamente, este colaborador de GC remitirá crónicas desta escavación ao longo dos vindeiros días.

O equipo que levará a cabo as escavacións conta cunha dilatada experiencia en arqueoloxía da Guerra Civil e a ditadura franquista. Desde o ano 2006 interveu en media ducia de escenarios bélicos e da ditadura: as trincheiras da Cidade Universitaria (Madrid, 2008), a Batalla do Ebro (Tarragona, 2011), a Fronte dos Portos (León, 2011), o destacamento penal de Bustarviejo (Madrid, 2006-2011), o campo de concentración de Castuera (Badaxoz, 2010-2012), o cárcere de Carabanchel (2007-2008) e a ofensiva do Alto Tajuña (2010-2013).

A Batalla de Belchite

Esta batalla tivo lugar entre o 24 de agosto e o 6 de setembro de 1937 no marco da ofensiva republicana sobre Zaragoza. A conquista desta localidade fortificada mobilizou un gran número de homes e medios militares republicanos. Saldouse finalmente coa toma polos republicanos do pobo, que quedou completamente devastado. Estímase que morreron 5.000 persoas en 14 días de enfrontamentos.

Como consecuencia desta batalla, o pobo quedou completamente arrasado, aínda que até entón chegou a ser unha vila de certa importancia, albergando até dous mosteiros e varias igrexas. O dictador Franco decidiu reconstruílo xusto á beira, deixando as ruínas do pobo vello de Belchite intactas como recordo da contenda. Os encargados da construción do novo pobo foron principalmente prisioneiros republicanos para os cales se habilitou un campo de concentración nas proximidades, cuxos restos aínda se conservan, e que permaneceu aberto desde 1940 até 1945, chegando a albergar a 1.000 prisioneiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Joám lópez

Quero também acrescentar que houve galegos a luitar nos dous bandos desta sanguenta batalha. Conta I. Ramonet que seu pai, jovem de esquerdas obrigado a luitar no bando franquista, contava que se saudavam e intercambiavam tabaco e comida. Ti de onde es? Eu som de Redondela e ti? Eu de Vilalva. O Povo sempre é bom ainda luitando por causas perversas. Que tenhades bom trabalho companheiros !

1 Joam López

Quigera , sem ánimo de minusvalorizar a importância da notícia fazer algumha correçom. Nom podemos falar de primeiro grande enfrontamnento urbano, pois lembremos que por exemplo , nos primeiros dias a batalha por Barcelona e depois em novembro a grande batalha por Madrid, com especial destaque para os combates na cidade Universitária. O que sim é correto é falar dum sítio até a destruçom do inimigo, mália a ser considerado um enorme erro táctico e estratégico da República. Também há que precisar que tanto no sítio de Madrid ( A partir di seis de novembro, acho)coma no Jarama e em Guadalajara, já tinham combatido brigadas completas dos internacionais. Nom resta isto o grande valor que tem para mim a intervençom e serem galegos a fazé-lo junto a outros.