Sanidade vincula a morte da muller de Sanxenxo a súa situación de saúde e non a "falta de recursos"

O seu titular, Julio García Comesaña, critica aos que buscan facer política" co caso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2022 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, negou que a morte dunha muller no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Sanxenxo, sexa "un problema de recursos" e vinculou o sucedido con "a información que se traslada ao médico do 061 e a situación da paciente".

Fíxoo a preguntas dos xornalistas na Coruña e tras lamentar o falecemento da muller e trasladar o seu apoio á familia "nun momento tan complexo". No entanto, insistiu en que a falecida chegou ao centro de saúde nunha situación "que non se corresponde coa situación trasladada previamente", indicou Comesaña sobre a información achegada ao 061 na chamada inicial. Ademais, remitiuse á investigación por parte do xulgado.

MANIFESTACIÓN

En canto á protesta convocada este sábado en Sanxenxo, manifestou que "hai quen utiliza a sanidade para facer política de maneira permanente". "Isto é un novo exemplo", sentenciou.

Preguntado cando se poderán dar citas previas no centro de saúde de Baltar, explicou que de oito médicos hai tres e que, a petición destes, pediuse "adecuar a programación das citas e citar só as non demorables". Tamén dixo que a intención é que en setembro "todos os ocos de consulta programable poidan estar dispoñibles".

En canto ás demandas sindicais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e as denuncias sobre falta de persoal, argumentou que están fixadas reunións e que o obxectivo é manter un "diálogo fluído" coa comisión de centro.

SITUACIÓN DA ATENCIÓN PRIMARIA

Por outra banda, cuestionado sobre a situación da Atención Primaria, insistiu en que é "complicada pola falta de profesionais", pero engadiu que a Xunta "no ámbito das súas competencias está a tomar medidas", entre as que citou a convocatoria de máis dun centenar de prazas por concurso de méritos para médicos de familia ou "liberar de carga de traballo menos médica" aos profesionais.

Con todo, volveu a demandar "a quen ten a chave", en referencia ao Executivo central, a toma de medidas para que se convoquen máis prazas MIR.

O conselleiro de Sanidade, JulioGarcía Comesaña , e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, asinan un convenio de colaboración. ANA VARELA
O conselleiro de Sanidade, JulioGarcía Comesaña , e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, asinan un convenio de colaboración. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta