O BNG acusa a Comisión Europea dun "inxustificado atraso" na toma de decisións ante a crise enerxética

Miranda denuncia que a "visión neoliberal" que tivo a CE "pon de manifesto que a escalada belicista é un erro".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2022 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, acusou á Comisión Europea (CE) dun "inxustificado atraso" na toma de decisións ante a crise enerxética e a inflación que se está dando en Europa.

"Intervir é unha urxencia e pon de manifesto que estaban equivocados ao non querer facelo", sinalou Miranda. Desta forma, a portavoz nacionalista considerou que a "falta de intervención" no mercado levou o "empobrecemento dos traballadores, as familias, o sector produtivo e os pobos".

Nun comunicado, o BNG alertou que a situación provocada pola subida de prezos "é moi grave" e a CE "está a darse conta de que ten que rectificar e cambiar o rumbo no establecemento de prezos do mercado eléctrico". Así mesmo, Miranda denunciou que a "visión neoliberal" que tivo a CE "pon de manifesto que a escalada belicista é un erro", e engadiu que "a cerrazón que tivo a Comisión Europea afonda na crise".

Desta forma, remarcou que a CE "non é fiable" e denunciou a "falta de sensibilidade" cara ás clases populares que "están a sufrir" pola subida dos prezos. A portavoz da formación en Europa tachou de "lamentable" o feito de que "a CE estivese preocupada por beneficiar ás empresas eléctricas sen ter consideración coa grave situación económica das familias e os sectores produtivos".

Finalmente, Miranda fixo referencia aos beneficios que tiveron "as grandes eléctricas" no último ano, e remarcou que a contía foi de "6.500 millóns de euros, un incremento do 10% con respecto ao ano anterior". "Isto pon de manifesto a escandalosa situación que avala o executivo comunitario", sentenciou.

Ana Miranda (BNG). BNG
Ana Miranda (BNG). BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta