Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/08/2022 | Actualizada ás 13:33
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou este mércores que, segundo os datos solicitados por Augas de Galicia, a vertedura de xurro producido o martes en Trazo non chegou o río Tambre, aínda que se manteñen as "medicións constantes" para asegurar a calidade da auga.
A conselleira lembrou que o 112 recibiu a última hora do martes o aviso de que se produciu unha vertedura de xurro nun regato afluente do Tambre.
No momento puxéronse en marcha medidas de contención para evitar o transvasamento ao Tambre, fundamentalmente con palla, e desprazáronse á zona efectivos de Augas de Galicia. A propia conselleira estivo en comunicación tanto coa alcaldesa de Trazo como cos rexedores de Ames e Santiago, os dous municipios que se abastecen do Tambre.
Coas "últimas informacións", dixo a conselleira, e "despois de realizar onte as medidas de contención da vertedura", estas manobras "parece que foron as acertadas" e non hai constancia de que exista afección para o río.
No entanto, os técnicos de Augas de Galicia seguen con "medicións constantes" e pediuse ás concesionarias dos servizos de augas de Santiago e Ames que fagan "analíticas de seguimento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.