Arrinca a VII edición do FIC Vía XIV de Verín

A relación entre a música e o cinema, un dos eixos principais deste festival de curtas, foi protagonista no acto inaugural. Casperverk Trío musicalizou o filme "The cameraman" de Buster Keaton. Ata o 4 de setembro Verín respirará cinema coa proxección das curtas a concurso e unha chea de actividades paralelas.

Por Galicia Confidencial | Verín | 01/09/2022 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

“Este ano, quixemos enfocar o propio acto de inauguración do certame pondo en valor esta unión de música e imaxe e por iso contamos co trío Casperverk para musicalizar o filme The cameraman, de Buster Keaton, que data de 1928”, sinalou Carlos Montero, director do FIC Vía XIV ao respecto do acto inaugural da VII edición do FIC que tivo lugar na tarde do martes 30 de agosto en Verín.

Acto inaugural do FIC Vía XIV de Verín (2022). Foto: Prensa festival
Acto inaugural do FIC Vía XIV de Verín (2022). Foto: Prensa festival

Coma novidade con respecto a outros anos, o acto inaugural foi máis breve e desenvolveuse na Praza Maior de Verín co obxectivo de "involucrar máis directamente aos verineses e verinesas na posta en marcha dun certame que se vén consolidando como un dos eixos fundamentais da axenda cultural anual do municipio”, referiu o director do FIC.

Unha representación teatral, na que a propia concelleira inseriu o seu discurso institucional, serviu como orixinal inauguración do certame de curtas da vila do Támega. Un representante do público e membro do equipo do FIC, Armando Silveira, interpretou a un director de cinema que interpelaba á concelleira dándolle instrucións sobre como tiña que abordar o seu discurso e facendo crer aos presentes que se atopaban no Festival de Berlín, en lugar de na Verinale (Festival de Verín).

Na intervención da concelleira detallouse a programación e reafirmouse a aposta pola consolidación do FIC Vía XIV de Verín no calendario de eventos culturais da vila.

ACTIVIDADE PARA O ACTO INAUGURAL

O filme The cameraman de Buster Keaton abriu as actividades do certame cinematográfico verinés que se desenvolverá ata o domingo 4 de setembro. A proxección contou coa música en directo de Casperverk Trío.

The cameraman é considerada como unha das mellores películas de cinema mudo da historia. Narra a historia dun fotógrafo de rúa que se namora dunha muller chamada Sally, que traballa como secretaria nun noticieiro cinematográfico. No ano 2005, a cinta foi selecionada para formar parte da National Film Registry, nos Estados Unidos, un arquivo cinematográfico que se dedica a conservar películas de alto valor cultural e histórico.

Casperverk Trío está formado polo pianista Brais González, o percusionista Blas Castañer e a violinista Raquel Fernández. O aceno de identidade do grupo foi sempre o do respecto polas películas que musicalizan. Empregando elementos do jazz clásico, a música contemporánea, o folk ou a electrónica, esta paleta musical é para Casperverk unha ferramenta para construir un espazo performativo propio, onde a percepción sensorial ten un papel fundamental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta