A Xunta nomeou a Flores xerente da área sanitaria de Pontevedra sen pasar polo DOG

A administración publica hoxe o concurso para acceder á praza, máis dun mes despois do nomeamento a dedo do ex-xerente do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2022 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mércores, 31 de agosto, a convocatoria para a provisión do posto de xerente da área sanitaria Pontevedra e O Salnés, case un mes despois de que fose elixido para o posto José Flores, en substitución de José Ramón Gómez Fernández.

Flores, que foi xerente do Sergas na pandemia e antes responsable no 061, foi cesado do seu posto anterior a principios de agosto para pasar a ocupar esta nova praza e, de feito, vén de completar, precisamente, o equipo directivo da área sanitaria coa doutora Susana Romeu como responsable da Dirección Asistencial e a doutora Marta Ocampo na Dirección de Atención Primaria.

No entanto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde para a provisión deste posto, que ten data do 6 de agosto, á que se podería presentar cubrindo o anexo II --o formulario de inscrición-- calquera persoa cunha titulación universitaria ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Na propia orde publicada este mércores como formalismo recóllese que se trata dun posto de libre designación, é dicir, un posto de confianza política designado pola Consellería de Sanidade, e que esta convocatoria pública podería declararse deserta.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, comparece na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia./ Europa Press / Europa Press
O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, comparece na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia./ Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta